RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor baixa o ritmo á espera da última sesión de mañá, decisiva para varios xogadores

Como é habitual dous días antes de cada partido, o Deportivo baixou esta mañá en Abegondo o ritmo de adestramentos á espera da sesión de mañá sábado, ás 11:00 na Cidade Deportiva, que será decisiva para varios xogadores de cara á súa presenza este domingo 26 de novembro ante o Osasuna B en ABANCA-RIAZOR (20:00, TVG-2 e FEF TV).

O corpo técnico dispuxo hoxe no céspede, após un quecemento, un xogo e rondos; ademais do traballo de ximnasio e de fisioterapia. "Nestas semanas tan longas de 8 días de partido a partido incrementamos 3 días, hoxe baixamos, fixemos practicamente recuperación", explicou en rolda de prensa Imanol Idiakez.

O preparador deportivista recoñeceu que con Paris Adot e Pablo Valcarce, hoxe con adestramento personalizado debido a unhas molestias abdominais o primeiro e nun xeonllo o segundo, "estamos a esperar a mañá. Teño esperanzas de que os dous poidan estar. Ningún dos dous casos é grave".

Confesa que en que "polo que falo cos médicos, é verdade que é un pouco de sensacións, teño esperanzas de que poidan estar", reitera.

Tamén Yeremay está pendente do último adestramento da semana: "Estamos aí. Hai algunha opción. Teño que esperar a mañá, falar co mozo e valorar un pouco todo, tanto o aspecto físico como a confianza. Até mañá non poderemos sabelo. É a primeira semana que hai opcións desde a lesión e xa é unha boa noticia. Deu un paso moi importante na súa recuperación e se non é esta semana, será para a seguinte", manifestou respecto diso Imanol Idiakez.

Están á marxe do grupo Ximo Navarro, Pablo Muñoz, Barbero e o canteirán Mella, ademais de Paris e Valcarce.

O adestrador deportivista subliñou que "a Ximo aínda queda, a Pablo Muñoz queda. Son lesións longas, Barbero por suposto. E David (Mella) avanzou un pelín esta semana, veremos a que vén. Con David esperamos que poida estar antes. Imos ver a súa evolución".

Finalmente, Martín Ochoa, Jairo, Rubén e Marc foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.