O Dépor, arroupado por 500 afeccionados, visita mañá domingo 26 de xaneiro ás 21:00 horas ao Celta Fortuna en Abanca-Balaídos (TVG-2 e FEF TV) en partido correspondente á 21ª xornada no grupo 1º de Primera Federación coa intención, segundo manifestou onte Imanol Idiakez en rolda de prensa, de "darlle continuidade á vitoria do outro día".
Precisamente despois do sólido triunfo do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante a SD Ponferradina (2-0), Os Nosos marchan en 5ª posición da táboa con 32 puntos.
Xa sen Pablo Muñoz no cadro, cedido polo que resta de temporada ao Atlético Baleares, Imanol Idiakez recupera a Balenziaga, que se perdeu o partido ante a 'Ponfe' por sanción; Pablo Martínez (na foto da noticia), co visto e prace dos Servizos Médicos para competir despois do traumatismo cranioencefálico sufrido no Estadio Reino de León hai 15 días; e Berto Cayarga, recuperado das súas molestias musculares.
Sobre o central francés, o adestrador branquiazul explicou que "ten o alta. Era o protocolo que había que seguir. Eran 12 días, cumpriunos hoxe (por onte). Adestrou toda a semana, os primeiros días coidámoslle un pouquiño os golpeos, pero está dispoñible".
Haberá competencia pois no centro da zaga porque segundo apuntou o preparador deportivista, "o pasado domingo Dani Barcia fixo un partido excepcional, como todo o equipo. Se volve Pablo temos aí unha competencia marabillosa e só pode saír beneficiado o Deportivo dese tipo de competencias. Se queremos aspirar ao que queremos aspirar, temos que ter competencia de nivel alto en todos os postos e que cando un xogador non estea, pois non se note porque o que entra estea ao seu nivel e ese é o obxectivo".
Os Nosos adestráronse esta mañá en Abegondo por última vez antes do partido. O corpo técnico dispuxo unha activación, rondos, un exercicio táctico e un último repaso ás accións a balón parado.
Son baixa para o choque en Vigo por lesión Retuerta, Paris Adot e o canteirán Martín Ochoa.
Mella e Rubén López son os representantes de #ANOSACANTEIRA entre os 20 convocados. Puerto e Iano Simão, que se adestraron toda a semana co Dépor, xogarán mañá co Fabril en Abegondo ante o Marino de Luanco.
Imanol Idiakez lembrou ante os medios de comunicación que David Mella esta temporada "tivo unha fractura de nariz, tivo unha lesión ante o CD Covadonga. O mozo tivo nunha volta un par de inconvenientes importantes. A lesión ante o CD Covadonga tívolle máis dun mes fóra. Tivo os seus problemas. Está concienciadísimo de que ten que dar un paso porque son mozos moi novos que están a aprender a profesión, están a aprender o que significa ser profesional e onde están as diferenzas. O outro día fixo 60 minutos por aí. Houbo días que nos fixo algún máis, días que nos fixo menos. O domingo veremos se realmente pódenos aguantar máis minutos ou menos, pero é verdade que polo rendemento de Mella a semana pasada teño claro que o domingo vai xogar".
Na primeira volta disputada en ABANCA-RIAZOR o pasado 8 de outubro venceron os célticos (0-1). O técnico desvelou onte que "volvemos a ver o partido da ida. É verdade que nós non estivemos finos, pero realmente tiráronnos menos do que nos pareceu. Imos ver se somos capaces de que nos tiren aínda menos e de que nós podamos impor o noso xogo. Eles teñen moitas virtudes, pero como todos teñen algún lugar onde nós cremos que podemos que podemos rascar. E a iso imos".
Pola súa banda, o Celta Fortuna, que chega ao partido despois de dúas derrotas consecutivas (0-1 ante o Nàstic e 2-1 en Sabadell), é 3º na táboa con 38 puntos.
En Vigo esta temporada os célticos gañaron á SD Tarazona (1-0), CD Arenteiro (4-3), Real Unión (3-0), CE Sabadell FC (4-2), Unionistas de Salamanca CF (2-1) e Cultural Leonesa (2-0); e perderon ante a UE Cornellà (1-2), Real Sociedad B (1-2) e Nàstic de Tarragona (0-1).
Claudio Giráldez, adestrador do Celta Fortuna, asegura que a pesar das dúas últimas derrotas consecutivas "o equipo está estable, está ben. Estamos nun momento igual de bo que estabamos hai unha semana ou dúas; nunha situación clasificatoria buenísima; e cunha alegría e enerxía no día a día que dá gusto".
Opina que "é un partido precioso, motivante, bonito, con ambiente de fútbol todo o día. É unha festa do fútbol galego, do celtismo. No mesmo día hai tres derbis co do Xuvenil A, o noso e o do Celta Integra. Oxalá sexa un ambiente de fútbol bonito, precioso, con irmandade entre as afeccións e nós coa máxima ilusión de afrontar un partido destas características".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo en Abegondo o mércores 31 de xaneiro a partir das 11:00 horas.