O Dépor caeu (0-2) co Granada CF este domingo 8 de marzo en ABANCA-RIAZOR en partido correspondente 29ª xornada en LaLiga Hypermotion.
"Foi un partido moi malo. O Granada CF foi mellor que nós", recoñeceu Antonio Hidalgo na sala de prensa.
Con este resultado, Os Nosos quedan con 49 puntos na 3ª posición, a falta do partido deste luns 9 de marzo do UD Almería (4º tamén con 49 puntos) coa Cultural Leonesa.
Foi baixa Yeremay, afectado de "unhas molestias de pube desde hai tempo. O outro día acrecentóuselle un pouco e localizouse un pouco máis no aductor", tal e como apuntou o técnico deportivista.
Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.
Antonio Hidalgo introduciu dous cambios respecto ao encontro da pasada fin de semana en Zubieta ante a Real Sociedad B.
Jose Ángel relevou a Luismi no centro do campo e Arnau a Lucas Noubi no eixo da defensa.
Aos 2 minutos de partido, Jose Arnaiz tivo a primeira ocasión do encontro. Vaise de Arnau Comas e estrela o balón no lateral da rede.
Repetiu Jose Arnaiz cun remate en semifallo que acabou nas mans de Álvaro Ferllo.
No outro área, Eddahchouri rouba un balón a Diaby, encara ao meta Luca pero, obstaculizado polo defensor granadino, non acerta a disparar entre os 3 paus.
Adiantouse o Granada CF aos 18 minutos, Jose Arnaiz, o futbolista máis perigoso do seu equipo no que ía de partido, cabeceou un centro medido desde a banda esquerda. Imposible para Álvaro Ferllo.
"En canto puxéronse por diante non fomos capaces de poder metelos máis veces no seu campo. Estivemos moi planos co balón", admitiu o preparador deportivista.
Pouco despois, Trigueros xuta dentro da área ao corpo do porteiro deportivista.
Á media hora, Stoichkov probou fortuna ao bordo da área. Demasiado alto.
Custáballe ao Dépor chegar aos dominios de Luca.
Stoichkov, un fubolista cedido polo Granada CF, repetiu aos 38 minutos. A súa volea, rasa, saíu desviada.
Aos 40, Eddahchouri xuta desde moi lonxe ás mans do porteiro andaluz.
Con 0-1 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Patiño relevou a Jose Ángel na sala de máquinas branquiazul.
Pero o partido seguiu co mesmo rumbo.
Aos 57 minutos, Alti téntao desde fóra da área. O balón foise lixeiramente desviado.
Antonio Hidalgo dá entrada a Luismi e Bil por Quagliata e Eddahchouri.
Pouco despois, Mella tívose que marchar lesionado nun choque con Diaby, tamén tocado na xogada. Escudero foi a substitución do canteirán.
O '11' branquiazul sofre unhas molestias no seu xeonllo esquerdo, pendente de avaliación médica.
Coa entrada de Mulattieri o Dépor saca a toda a súa artillaría e pasou a xogar con dúas puntas a recta final en busca polo menos do empate.
Pero o Granada CF evitou calquera tipo de reacción deportivista ao sentenciar o encontro Pascual no minuto 84.
O branquivermello supera no man a man a Ferllo, coa defensa branquiazul descolocada.
Os Nosos non atoparon o camiño para polo menos recortar diferenzas nun longo desconto de 10 minutos.
"Foi o peor partido desde que estou aquí", resumiu Antonio Hidalgo.
Deportivo: Ferllo, Alti, Comas, Loureiro, Quagliata (Luismi, min. 57), Jose Ángel (Patiño, min. 46), Riki, Mario Soriano, Mella (Escudero, min. 63), Stoichkov (Mulattieri, min. 73) e Eddahchouri (Bil, min. 57)
Granada CF: Luca, Lama, Sola, Jose Arnaiz (Pascual, min. 64) Trigueros, Diaby (Óscar, min. 64), Sergio Ruiz (Hormigo, min. 64), Diallo (Rodelas, min. 80), Williams, Diocou (Pablo, min. 80) e Izan
Árbitro: Carlos Muñiz, do comité aragonés. Amoestou no minuto 80 unicamente a Ignasi Salafranca, técnico deportivista; e ao delegado do Granada CF.
Goles: 0-1 Jose Arnaiz (min. 18); 0-2 Pascual (min. 84)
Incidencias: partido da 29ª xornada disputado en ABANCA-RIAZOR ante 19.955 espectadores
