RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, centrado desde esta mañá en "traballar ben e preparar o seguinte"

Na sala de prensa de Santo Domingo, Óscar Cano daba a receita para as seguintes horas de Os Nosos despois do partido ante o AD Alcorcón.

O técnico deportivista apuntaba en primeiro lugar que había que "pasar esta viaxe de volta fodidos", en alusión ao longo regreso en autocar de onte pola noite desde a cidade madrileña; e "traballar ben a partir de mañá (por hoxe) e preparar o seguinte", en alusión á visita do CF Rayo Majadahonda a ABANCA-RIAZOR este sábado 21 de xaneiro ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv).

Pois a prepararse ben se dedicou esta mañá o primeiro equipo masculino no campo 2 e 3 de Abegondo.

Como é habitual, os titulares realizaron tarefas de recuperación física como carreira continua, estiramentos e paso pola padiola dos fisioterapeutas.

Para o resto, a mañá foi de alta carga, cun quecemento con roda de pases, rondos, finalizacións e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Raúl Carnero, Pablo Brea e Antoñito están con adestramento personalizado; mentres que se estreou ás ordes de Óscar Cano o xuvenil Adrián Guerrero (Ferrol, 15 de febreiro de 2006).

Este dianteiro, que suma esta temporada 9 goles en 12 partidos disputados co Xuvenil B na liga Nacional, pertence ao Dépor desde o Benxamín B, na temporada 2014-15. Guerrero foi un máis á beira dos profesionais nunha mañá que seguro non esquecerá.

Mañá luns haberá xornada de descanso para Os Nosos. O equipo volve ao traballo o martes 17 de xaneiro a partir das 10:30 horas.