O Dépor recibe á UD Almería en ABANCA-RIAZOR este sábado 4 de outubro ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion, Canal Sur, TVG, GOL, TEN e dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) en partido correspondente á 8ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Fronte a fronte os branquiazuis, que non encaixaron ningún gol en ABANCA-RIAZOR, cos andaluces, que marcaron en todos os seus partidos.
Antonio Hidalgo subliñou na sala de prensa de Abegondo esta mañá que "eles teñen moitísimo talento na parte alta. Nós tamén. Hai que conter todo iso mirando como facerlles dano. Espero un partido de dous bos equipos que están moi ben traballados. No mínimo detalle vai estar a diferenza. E niso témonos que centrar".
Os Nosos chegan ao choque, após o empate en Eibar (1-1), na primeira posición da táboa con 15 puntos, os mesmos que o Cádiz CF.
Pensa que #ANOSAFORZA "quere ver esa paixón do equipo. Iso ímolo a transmitir. Eles neses momentos de dificultade axúdannos moitísimo".
Os branquiazuis realizaron esta mañá no campo 2 do Dépor Training Center a última sesión de traballo, con só Escudero á marxe do grupo.
O técnico deportivista explica sobre o carrilero zurdo que "non adestrou ningún día connosco. Por tanto é baixa para mañá". "Notou unhas molestias no isquio. Non estaba cómodo. Entendiamos que había que solucionalas canto antes. Está a facer traballo aparte. Entendemos que con descanso e o tratamento volverá moito mellor", engadiu.
Si se adestraron con normalidade Jose Gragera e Jose Ángel. "Están a evolucionar ben", manifestou respecto diso o adestrador do Dépor, que se mostra cauto posto que "Jose Ángel leva moitísimo tempo fóra. Hai que ter coidado. 'Grage' da súa lesión está practicamente curado. Imos ver que sensación ten".
En calquera caso, alégrase do regreso de ambos: "Cantos máis perfís diferentes e máis efectivos teñamos moito mellor. É unha boa noticia que estean practicamente recuperados os dous e estou convencido que nos vai a axudar moitísimo".
O corpo técnico dispuxo após unha activación con xogos, unha tarefa táctica, un exercicio de finalizacións e un último repaso ás accións a balón parado.
Con David Mella con España sub-20, Samu, Noé e Mane foron os representantes esta mañá de #ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, a UD Almería, que a pasada fin de semana gañou por 0-1 á UD Las Palmas, é 9º con 11 puntos.
Fóra de casa, ademais de vencer á Cultural Leonesa (0-1), empatou coa Real Sociedad B (2-2) e caeu co Real Valladolid (3-1).
Un dos seus futbolistas, Stefan Dzodic, afirma que "cada partido é importante. Temos que ser constantes para conseguir os nosos obxectivos".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o domingo 5 de outubro ás 10:30 en Abegondo.
