O Dépor pechou a primeira volta de LaLiga Hypermotion cun empate ante a UD Las Palmas este sábado 10 de xaneiro en "un dos campos máis difíciles da categoría", tal e como definiu Antonio Hidalgo o Estadio Gran Canaria.
Con este positivo resultado ante "un equipo que concede poquísimo, que é o menos goleado", Os Nosos suman 34 puntos na 4ª posición da táboa.
O técnico deportivista lamentouse na rolda de prensa pospartido por "ter suficientes ocasións para levarnos algo máis".
Aínda que están cada vez máis preto do seu regreso á competición, Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann quedaron na Coruña por tema físico.
Tampouco viaxou Miguel Loureiro, sancionado cun partido por acumulación de amoestacións.
O internacional sub-19 Samu e o dianteiro Bil foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Antonio Hidalgo repetiu o equipo que se enfrontou ao Cádiz CF o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR co único cambio obrigado de Arnau por Loureiro.
Yeremay situouse por detrás da punta, con Luismi e Mella nas ás.
Pola súa banda, a UD Las Palmas, equipo recentemente descendido de Primera División, chegaba ao choque con 37 puntos na 2ª posición da táboa.
Saíron os pupilos de Luis García en tromba, o que obrigou ao Dépor a defender en bloque baixo nos instantes iniciais.
A pesar diso, a mellor ocasión foi deportivista. Aos 10 minutos, Yeremay, case desde a frontal da área, dispara raso axustado ao pau dereito da portería de Horkas.
Respondeu o conxunto amarelo ao cuarto de hora cun remate ao pau dereito de Álvaro Ferllo a cargo de Jesé, que recibiu de Manu Fuster.
O partido estaba nas áreas.
Horkas saca in extremis un chute de Yeremay após unha gran contra con Stoichkov.
No córner consecuente, Villares marca no minuto 21 o que será seguro un dos goles da xornada, ao rematar de chilena un balón rexeitado pola meta local.
"Nunca marquei un gol así. Estou contento polo gol, con pena polo empate", declarou o capitán deportivista.
Púñase por diante un Dépor que soubo facer dano á UD Las Palmas, un dos equipos máis sólidos da competición.
O partido puido cambiar de rumbo á media hora.
O colexiado do encontro, o madrileño Manuel Ángel Pérez, sinalou con pena máxima unha derriba de Arnau Comas a Jesé.
"A min non me pareceu penalti. Aí está o árbitro. Cando o árbitro o pita é difícil que o VAR entre. Non quero pensar moito niso porque non nos axuda", declarou o central deportivista.
"Paréceme excesivamente pouco. Ben provocado por Jesé pero demasiado pouco", opinou á súa vez o técnico deportivista.
Álvaro Ferllo logra desviar ao pau dereito o disparo de Jonathan Viera nunha gran parada e o rexeite.
Antonio Hidalgo indicou en rolda de prensa que a meta rioxano, titular por segundo partido consecutivo, "ten esa capacidade de chegar a eses balóns dese tipo. Estou contento por el".
Continuaba o Dépor por diante.
Jesé, a principal arma ofensiva local, si adiantaba á UD Las Palmas no minuto 42 ao rematar de forma inverosímil, á media volta e rodeado de defensas un centro lateral. Gol psicolóxico.
Tocaba sufrir para chegar ao descanso polo menos cun empate.
E os de Antonio Hidalgo conseguírono.
Após o paso polos vestiarios, Álvaro Ferllo foi protagonista ao gañar co pé un man a man ante Ale García.
Do mesmo xeito que na primeira metade saíu en tromba o cadro amarelo.
Antonio Hidalgo reforza ao equipo con José Ángel, que substituíu a Luismi Cruz.
Aos 52 minutos, o Dépor volvía adiantarse no marcador por medio de Stoichkov pero foi invalidado por fóra de xogo milimétrico de Quagliata, autor do centro.
"Un gol anulado por poquísimo. Dinme que é a cabeza de Giacomo que a ten un pelín cara a adiante. Hai unha máquina para iso pero desde o banco non parecía", apuntou o preparador branquiazul.
Catro minutos máis tarde, Horkas saca un man a man ante Stoichkov. O deportivista tivo todo o tempo do mundo para pensar pero, após recibir un gran pase de Yeremay, atopouse co corpo do porteiro amarelo.
O Dépor logrou frear a avalancha da UD Las Palmas, que non atopaba vías de acceso.
Eddahchouri relevou a Stoichkov no ataque.
Manu Fuster no minuto 70 non chegou por moi pouco a un centro lateral. De tocar a pelota supuxese un serio perigo para a portería deportivista.
Non atopaban os dous equipos oportunidades de gol.
Na recta final Mulattieri relevou a Yeremay, co que o Dépor pasou a xogar con dúas puntas referencia pero o marcador xa non se movería nin para un lado nin para o outro.
UD Las Palmas: Horkas, Mika Marmol, Barcia, Jesé (Estanis, min. 65), Loiodice, Manu Fuster (Benedetti, min. 87), Amatucci, Viti, Jonathan Viera (Cedeño, min. 65), Cristian (Álex Suárez, min. 82) e Pejiño (Ale García, min. 46)
Deportivo: Álvaro Ferllo, Alti, Comas, Noubi, Quagliata, Villares (Patiño, min. 81), Soriano, Mella, Luismi Cruz (José Ángel, min. 50), Yeremay (Mulattieri, min. 81) e Stoichkov (Eddahchouri, min. 66)
Árbitro: Manuel Ángel Pérez, do comité madrileño. Amoestou a Ale García (min. 61), Alti (min. 72) e Manu Fuster (min. 76); ademais de Angresola (min. 90), segundo adestrador amarelo e Antonio Hidalgo (min. 89)
Goles: 0-1 Villares (min. 21); 1-1 Jesé (min. 42)
Incidencias: partido disputado no Estadio Gran Canaria con presenza duns 400 afeccionados deportivistas nas bancadas. O ex xogador de ambos os equipos, Mfulu, acompañado polo seu fillo, fixo o saque de honra
