Apenas 3 días despois do esixente partido de liga en Las Palmas, o Dépor regresou após 9 anos uns oitavos de final de Copa del Rey este martes 13 ante o poderoso Atlético de Madrid.
O triunfo foi para os colchoneiros por 0-1, co que Os Nosos quedan apeados así da competición.
Nesta edición de Copa, o conxunto de Antonio Hidalgo eliminou á UD Sámano (1-4), CE Sabadell FC (0-2) e RCD Mallorca (1-0) antes do encontro desta noite.
Antonio Hidalgo mostrouse "moi orgulloso dos meus xogadores. O esforzo tanto físico como técnico foi moi alto ante un rival que veu con todo o que ten no seu cadro".
A novidade na convocatoria foi o regreso de Sergio Escudero, superada a súa lesión.
Seguen de momento sen entrar Daniel Bachmann e Ximo Navarro.
Antonio Hidalgo recuperou así mesmo a Loureiro, sancionado en liga en Las Palmas; e Cristian Herrera, ausente no Estadio Gran Canaria por un proceso vírico.
Con estas premisas, e con Bil e Noé como representantes de #ANOSACANTEIRA, o once deportivista tivo varios cambios empezando pola portería, con German de novo baixo paus.
Saíron tamén de inicio Barcia, Jose Ángel, Patiño, Eddahchouri e Cristian Herrera.
Pola súa banda, o Atlético de Madrid, após caer en semifinais da Supercopa, chegaba con 2 días máis de descanso e co firme obxectivo de seguir adiante na competición.
Así se mostrou no seu once inicial, con titulares habituais como Pubill, Baena, Llorente, Griezmann ou Julián Álvarez.
A primeira ocasión clara foi ao cuarto de hora para Ruggeri, que xutou colocado ao pau esquerdo da meta de Germán.
Á media hora, Eddahchouri cabecea ás mans de Musso nunha gran xogada de ataque deportivista.
O partido estaba aberto aínda que sen ocasións claras.
Aos 41 minutos, Griezmann xuta ao traveseiro da portería de Germán. O internacional francés non o pensou desde fóra da área.
Llorente tamén probou fortuna de lonxe, aínda que demasiado alto.
Con 0-0 e cunha gran ovación de ANOSAFORZA a Os Nosos chegouse ao descanso.
Após o descanso, Antonio Hidalgo comeza a refrescar ao equipo con Luismi e Mulattieri.
O Atlético púxose por diante cun lanzamento de falta directa de Griezmann na frontal da área.
O capitán Jose Ángel, en zona mixta, opinou que "Cardoso pásaa e aí facémoslle a falta, cando el a pasou xa. Se Sorloth métea polo recanto non creo que pite a falta. Esa é a miña impresión, que o posible empuxón foi cando Cardoso pasáraa".
Ademais, a posición de Hancko é dubidosa ao estar situado a menos dun metro da barreira deportivista.
"Dixémosllo ao árbitro cando puxeron a barreira, que non estaba a un metro e pintou o céspede co espray", desvelou o mediocentro deportivista.
O Dépor non se engurrou e lanzouse a por o empate, acurralando por momentos na súa área ao Atlético de Madrid, o terceiro orzamento de Primera División.
Yeremay e Noé, o heroe ante o Mallorca, saltan ao céspede.
Aos 78 minutos, o canario fai unha xogada individual e Llorente evita o remate franco de Mulattieri.
No córner, o dianteiro italiano cabecea lixeiramente alto no que podía ser o empate.
Con constantes chegadas do Dépor aínda que sen esa ocasión definitiva para o empate chegouse ao final.
Antonio Hidalgo resaltou que "plantamos cara até o último segundo".
Deportivo: Germán, Quagliata, Barcia, Lucas Noubi, Alti, Jose Ángel, Mario Soriano (Yeremay, min. 66), Patiño (Bil, min. 84), Mella (Luismi Cruz, min. 57), Cristian Herrera (Mulattieri, min. 57) e Eddahchouri (Noé, min. 66)
Atlético de Madrid: Musso, Ruggeri, Molina (Almada, min. 57), Hancko, Pubill, Álex Baena (Pablo Barrios, min. 57), Llorente, Giuliano (Giménez, min. 84), Griezmann e Julián Álvarez (Sorloth, min. 57)
Árbitro: De Burgos Bengoechea, do comité vasco. Non amoestou a ningún futbolista
Goles: 0-1 Griezmann (min. 60)
Incidencias: Gran ambiente en ABANCA-RIAZOR con presenza de 28.577 espectadores. Jesús Méndez, o que fose utilero do equipo durante máis de 30 anos, foi o encargado de facer o saque de honra
