RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor empata ante o CD Arenteiro e segue líder a falta de catro xornadas (2-2)

O Deportivo continúa no máis alto da táboa do grupo 1 de Primera Federación cando só restan catro xornadas para o final do campionato a pesar de empatar un partido que dominaba por dous goles en ABANCA-RIAZOR fronte ao CD Arenteiro, ante o que sumou un punto que lle mantén na cabeza con 4 de vantaxe sobre o Barcelona Atlètic.

Imanol Idiakez, técnico deportivista, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou na pasada xornada, ante a Cultural y Deportiva Leonesa tamén en ABANCA-RIAZOR. Paris Adot ocupou o lateral dereito en detrimento de Jaime e Yeremay regresou após cumprir sanción en lugar de Hugo Rama.

O CD Arenteiro xogou oficialmente en ABANCA-RIAZOR por segunda vez na súa historia, 35 anos e 7 meses despois da primeira, nun partido de volta da primeira rolda de Copa do Rey (4-0). No minuto 5 gozou dunha clara ocasión para adiantarse no marcador, pero Luis Chacón disparou por riba do traveseiro.

Con todo, o Dépor, na súa primeira acción de perigo, púxose en vantaxe. Mella remachou un pase da morte de Lucas, que recibira un balón en profundidade de Barbero. Quinto tanto en Liga do canteirán, que emula ao seu pai Gonzalo, autor dun dos catro tantos ante o equipo ourensán no encontro copeiro de 1988, e asistencia número 17 de Lucas, coa que iguala a marca histórica do Dépor nunha temporada ligueira, en poder de Fran desde o curso 1993-94.

Barbero puido ampliar distancias pronto, cando no minuto 20 enganchou un dereitazo de socato após centro de Lucas desde a dereita. Diego Rivas rexeitou coas súas pernas a saque de esquina. Ao fío da media hora, un potente chute afastado de Mella após recuperar o balón en tres cuartos foise lamiendo o traveseiro. A primeira metade languideceu sen accións de importancia no seu último cuarto de hora.

A segunda parte tampouco comezou con ocasións. O CD Arenteiro gozou dunha boa ocasión no minuto 57, cando Álex Cardero marchouse dun Pablo Martínez que non puido ir con todo ao ter cartón e o seu disparo raso e cruzado ao entrar na área saíu rozando o pau dereito da portería branquiazul. No minuto 62, un forte zurdazo raso desde a frontal de Esquerdo atrapouno Germán.

E cando mellor estaba o CD Arenteiro, chegou o 2-0. Un sublime dereitazo de Diego Villares desde 25 metros coouse na portería visitante lonxe do alcance de Diego Rivas. Foi o cuarto tanto da campaña ligueira do mediocentro villalbés.

Con todo, o Dépor non puido xestionar a súa vantaxe moito tempo xa que tres minutos despois, o CD Arenteiro anotou o 2-1. Córner desde a dereita do ataque ourensán, Raúl Alcaina peiteou a pelota despistando a Germán e o coiro caeu no segundo pau a Luis Chacón que, completamente só, empuxouno ao fondo das mallas.

A partir de entón, as mellores ocasións foron branquiazuis. No minuto 76, chegada de Lucas á liña de fondo e sutil pase interior para o desmarque de Yeremay, que non acertou a rematar, o porteiro tampouco a despexar, e rexeitou un defensa practicamente baixo paus. Poucos segundos despois, un contra un de Mella e dereitazo duro por arriba que Diego Rivas despexou a córner. Lucas tentou sorprender lanzando o saque de esquina directo pero a pelota foise á parte superior da rede, moi preto do traveseiro. No minuto 82, despexe defectuoso co pé de Diego Rivas pola presión de Mella nunha cesión, o balón caeu a pés de Lucas na frontal da área pero o porteiro visitante refíxose a tempo para deter o seu zurdazo.

Nos minutos finais, o CD Arenteiro acabou logrando o empate nunha polémica acción. Ger Nóvoa deixouse caer na área após un saque de esquina. O colexiado recriminoulle con vehemencia o seu intento de engano pero non o castigou con cartón e falta a favor do Dépor e concedeu un novo saque de esquina. No mesmo, co porteiro Diego Rivas na área deportivista, após varios rexeites foi Romay, outro ex deportivista, o que levou o esférico ao fondo das mallas.

O Deportivo só perdeu un dos últimos 23 encontros e suma 12 vitorias e 3 empates nos últimos 15 partidos. Ou o que é o mesmo, 39 dos últimos 45 puntos en xogo. Con 68 puntos, lidera o grupo 1 de Primera Federación, por diante do Barcelona Atlètic (64), Gimnàstic de Tarragona e RC Celta Fortuna (60) e SD Ponferradina (57) cando restan 4 xornadas.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Mella (Davo, min. 86), Lucas, Yeremay (Cayarga, min. 86) e Barbero (Raúl Alcaina, min. 65).

CD Arenteiro: Diego Rivas, Jordan (Vitra, min. 80), Ger Nóvoa, Javi Moreno, Álvaro Ramón, Esquerdo, Marino Illescas (Marquitos, min. 80), Pibe (Romay, min. 84), Luis Chacón, Iván Ramos (Álex Cardero, min. 46) e Manín (Christian Santos, min. 65).

Goles: 1-0 Mella (min. 14); 2-0 Diego Villares (min. 64); 2-1 Luis Chacón (min. 67); 2-2 Romay (min. 90+4).

Árbitro: Gorka Etayo Herrera (c. vasco). Expulsou con vermella directa ao delegado do CD Arenteiro (min. 73). Cartón amarelo a Ger Nóvoa (min. 10), Álvaro Ramón e o segundo adestrador do CD Arenteiro (min. 17), Jose Ángel (min. 25), Esquerdo (min. 42), Pablo Martínez (min. 51).

Incidencias: partido correspondente á 34ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 28.293 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK