O Deportivo medirase ao RCD Mallorca nos dezaseisavos de final da Copa del Rey cuxo sorteo tivo lugar este martes 9 de decembro na sede da RFEF.
A eliminatoria, a partido único, xogarase en ABANCA-RIAZOR o 16, 17 ou 18 de decembro ao militar o conxunto balear nunha categoría superior.
Os Nosos vólvense a enfrontar en competición oficial a un equipo de Primera División desde o 20 de maio de 2017, no que o rival foi a UD Las Palmas en ABANCA-RIAZOR.
Anteriormente o Dépor apeou en primeira rolda ao UD Sámano de Segunda Federación (1-4) e ao CE Sabadell FC de Primera Federación (0-2).
Esta edición da Copa ademais supuxo o debut de até 5 canteiráns en partido oficial co primeiro equipo: Pablo García e Fabi en Castro Urdiales; e Samu, Damián Canedo e Bil na Nova Creu Alta.
Pola súa banda, o RCD Mallorca, que marcha actualmente en 17ª posición en LaLiga EA Sports con 14 puntos, eliminou nesta edición da Copa en primeira rolda ao Atlétic Sant Just FC (0-2) e en segunda rolda ao CD Numancia de Soria (2-3).
A última vez que se viron as caras Dépor e RCD Mallorca en ABANCA-RIAZOR foi o 20 de xuño de 2019 no partido de ida do play off final de ascenso a Primera División. Naquela ocasión venceron Os Nosos por 2-0.
