RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor estréase en ABANCA-RIAZOR este domingo 24 de agosto ás 17:00 ante un Burgos CF "moi compacto que nos vai a pór as cousas moi difíciles"

O Dépor estréase ante #ANOSAFORZA en LaLiga Hypermotion 2025-26 este domingo 24 de agosto ás 17:00 ante o Burgos CF (Dazn e LaLiga TV Hypermotion).

Os Nosos preséntanse rozando os 28.000 abonados, coa única baixa de Jose Ángel e co bo sabor de boca do triunfo por 1-3 da pasada fin de semana no Novo Os Cármenes ante un dos poderosos da categoría, o Granada CF.

Antonio Hidalgo dirixiu esta mañá no campo 2 de Abegondo unha última sesión de adestramento consistente nunha activación con rondos, fútbol reducido, finalizacións e un repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, o Burgos CF no que milita o ex deportivista Víctor Mollejo acabou como líder da categoría na 1ª xornada após a súa goleada por 5-1 á Cultural Leonesa no primeiro partido disputado no Plantío.

O club castelán anunciou ademais esta semana a renovación de Fer Niño até xuño de 2029.

O técnico deportivista, na súa comparecencia ante os medios de comunicación, advertiu na sala de prensa de Abegondo que "os equipos de Luis Miguel Ramis sempre están moi ben estruturados. Xa nos enfrontamos nalgunha que outra ocasión. O once do outro día era do ano anterior. Levan tempo xogando xuntos. É un bloque moi compacto que nos vai a pór as cousas moi difíciles e que o outro día gañou cunha gran vantaxe. Eles están a facer as cousas ben, levan tempo traballando xuntos e será un rival duro".

Luis Miguel Ramis, adestrador burgalés, asegurou que de cara ao choque en ABANCA-RIAZOR todos os seus xogadores están dispoñibles aínda que apunta que "Mario e Mollejo están xa facendo boa parte do traballo co grupo. Esperamos que a semana que vén sobre todo Mollejo poida completar unha semana de adestramentos. Trato de ter precaución aínda que eles queiran estar canto antes".

Do Dépor, opina que "xa tiña un bo cadro o ano pasado. Teñen capacidade para reter xogadores. Iso failles crecer. Esa estabilidade, aínda que viñese un técnico novo, dálle moita calidade ao cadro. Complementaron ben con bos xogadores. Os dous conseguimos dúas vitorias solventes, con bo nivel. A min non me cabe ningunha dúbida que o Dépor vai crecer moito esta temporada porque ten moi bos xogadores, porque os comportamentos que mostraban o ano pasado están a consolidarse e seguro que Antonio Hidalgo está a tratar de corrixir situacións que o ano pasado facíanlles dano".

Destacou tamén "o ambiente de ABANCA-RIAZOR. Coñézoo moi ben. Empuxa moitísimo. É unha marabilla xogar alí porque é xogar nun estadio de Champions. E mostrou desde a pretemporada que son capaces de ter moitos recursos e de ter moitas estruturas para afrontar unha temporada moi esixente".

Finalizado o encontro, Os Nosos adéstranse de novo o luns 25 de agosto ás 10:30 en Abegondo.