O Dépor insiste en "mellorar cada día" cunha nova sesión en Abegondo na que se estreou co primeiro equipo o canteirán David Carreira
O Dépor regresou aos adestramentos esta mañá en Abegondo consciente do seu obxectivo de "mellorar cada día e darlle alegrías a #ANOSAFORZA", tal e como subliñou onte na zona mixta de ABANCA-RIAZOR Diego Gómez.
Pide o ourensán "traballar para mellorar o que fixemos mal hoxe (por onte en ABANCA-RIAZOR ante o CD Tenerife)" e, así mesmo, "seguir esforzándose e pensar na semana que vén" co partido ante o Real Racing Club en El Sardinero o domingo 27 de abril ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion).
Loxicamente os titulares ante o CD Tenerife só realizaron a primeira parte do traballo, unha activación con rondos, antes de pasar a tarefas de recuperación física no ximnasio ou na padiola dos fisioterapeutas.
Para o resto houbo ademais un exercicio de finalizacións e fútbol reducido, de alta intensidade.
Tiveron adestramento personalizado Gauto e Dani Barcia, con Ximo Navarro en repouso deportivo. Escudero fai as tarefas co grupo condicionado ao seu proceso de recuperación.
Ademais de Mardones, esta mañá estreouse co primeiro equipo David Carreira Martínez (Sada, A Coruña, 7 de marzo de 2005).
Este mediocentro do Fabril (na foto principal da noticia) chegou a Abegondo no seu primeiro ano de infantil e foi escalando até cumprir un soño máis na súa traxectoria.
Carreira participou en 19 partidos co filial esta campaña en Segunda Federación, 7 deles como titular, e marcou 1 gol.
Mañá martes haberá xornada de descanso. Os Nosos adestraranse de novo o mércores 23 de abril ás 11:00 en Abegondo.