O Dépor venceu por 0-1 este sábado 31 de xaneiro á Cultural Leonesa en partido correspondente á 24ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Decidiu o encontro un penalti transformado por Yeremay no minuto 92 feito por Edgar Badía sobre Mella.
Con este resultado, Os Nosos suman 40 puntos e sitúanse na 2ª posición da táboa, á espera do resto de partidos do domingo 1 de febreiro.
Antonio Hidalgo cualifica a vitoria de "importantisima porque nesta categoría sumar de 3 é vital".
A única baixa nos deportivistas foi Eddahchouri, sancionado por acumulación de amoestacións. Mulattieri ocupou o seu lugar na dianteira.
O outro cambio no once inicial respecto ao da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Real Racing Club foi Stoichkov por Villares.
Bil e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA na convocatoria.
Aos 2 minutos, Iván Calero puido pór en vantaxe á Cultural Leonesa. O seu remate, caéndose, estrelouse no poste dereito da portería deportivista. O atacante leonés aproveitouse dunha indecisión da zaga deportivista.
De novo Iván Calero probou fortuna aos 5 minutos, esta vez ás mans do porteiro do Dépor.
"Nestes primeiros 10 minutos estivemos moi desajustados. Eles tiveron a súa ocasión máis clara do partido, apuntou o adestrador deportivista.
A primeira do Dépor chegou ao cuarto de hora. Mulattieri non pode precisar un remate na área a centro de Alti en banda dereita. O italiano estaba totalmente libre de marca.
O guión de partido estaba claro: repregamento da Cultu esperando sorprender á contra.
O seguinte disparo foi da Cultural. Aos 20 minutos Hinojo raso e lixeiramente desviado.
Non conseguía o Dépor crear perigo á portería de Edgar Badía ante un rival por momentos en bloque baixo.
Si Mario Soriano rozou o gol no minuto 44 após a saída dun córner. O balón marchouse rozando o pau dereito da portería da Cultural Leonesa.
O adestrador do Dépor apuntou que "sen sufrir demasiado fomos capaces de afundir á Cultu. Acumulamos moitos homes por diante e en transicións estiveron a facernos dano".
Con 0-0 e o partido aberto chegouse ao descanso.
"Falamos no descanso de ter algo máis de pausa, ter máis xente por detrás e sacar máis balóns en amplitude", desvelou Antonio Hidalgo.
Após o paso polos vestiarios, Luismi, nunha contra deportivista após 3 saques de esquina consecutivos da Cultural, estrelou o balón no poste da meta leonesa nun centro chute. Corría o minuto 50.
No 54, Jose Ángel, desde moi lonxe, fai traballar de novo a Edgar Badía.
Antonio Hidalgo move o banco. Mella releva a Stoichkov no minuto 55 e Luismi pasa a posicións máis centradas.
Precisamente o preparador deportivista cre que "a posición de Luis deunos a posibilidade de ter máis balón"
Catro minutos máis tarde, outro centro envelenado, esta vez de Mella, tamén golpea o traveseiro da portería da Cultu.
Após o saque de esquina seguinte, Alti dispara con colocación lixeiramente desviado.
Yeremay recibe no 61 libre de marca na frontal da área e con todo a favor golpea o balón mal e márchase moi alto.
A mellor ocasión do Dépor tívoa Yeremay nunha contra. Edgar Badía repele o disparo no man a man, Mario Soriano remata forzado e un defensa leonés saca debaixo dos paus.
De novo Mario Soriano empalma un balón á saída dun córner. O porteiro leonés evitou o gol con outra gran parada no minuto 72.
Eran os mellores minutos do Dépor.
Bil, moi escorado, xutou frouxo e raso un balón que se paseou por diante da portería da Cultural Leonesa.
Nos últimos minutos Ximo Navarro relevou a Alti e regresaba á competición superada a súa lesión. Escudero facía o propio con Quagliata.
Antonio Hidalgo opina que a saída de ambos os veteranos "deunos moita enerxía e saída de balón por esquerda".
E cando todo parecía abocado ao 0-0 chegou a xogada decisiva no desconto.
Mella vaise da defensa leonesa, regatea a Edgar Badía, que o derruba co seu pé esquerdo.
"Sempre que Escudero ten a bóla aí tento facer ese desmarque. Sempre pon ben ese balón. Tento facer o un a un contra o porteiro. Bótoa para adiante e dáme unha patada no pé. Pita penalti e contento", explicou o canteirán.
Yeremay transforma con mestría e desata a tolemia a escasos metros, xusto onde se situaban o case milleiro de afeccionados deportivistas.
A Cultu, nos 3 minutos que seguiron, tratou de igualar colgando balóns. Na última precisamente o porteiro Edgar Badía rematou de cabeza fóra na xogada que supuxo o final de partido.
Antonio Hidalgo márchase "contento polo esforzo dos mozos, por #ANOSAFORZA que veu apoiarnos. Estivo incrible. Parecía que estabamos en ABANCA-RIAZOR".
Cultural Leonesa: Edgar Badía, Rodri Suárez, Maestre, Iván Calero (Manu Justo, min. 89), Sobrino (Collado, min. 80), Tresaco (Víctor, min. 66), Hinojo, Selu Diallo (Yayo, min. 80), Victor García, Thiago Ojeda e Barzic
Deportivo: Ferllo, Alti (Ximo Navarro, min. 83), Noubi, Loureiro, Quagliata (Escudero, min. 83), Jose Ángel (Patiño, min. 66), Mario Soriano, Luismi, Stoichkov (Mella, min. 55), Yeremay e Mulattieri (Bil, min. 66)
Árbitro: Marta Huerta, do comité canario. Amoestou a Tresaco (min. 13), Jose Ángel (min. 27), Selu Diallo (min. 60), Patiño (min. 86), Thiago Ojeda (min. 92), Edgar Badía (min. 92) e ao técnico Cuco Ziganda.
Goles: 0-1 Yeremay, de penalti (min. 92)
Incidencias: partido disputado no Estadio Reino de León cun milleiro de afeccionados branquiazuis nas bancadas. Os xogadores de ambos os equipos luciron un brazalete verde con motivo do Día Mundial contra o Cancro. Precisamente dous representantes da Asociación Española contra o Cancro fixeron o saque de honra
