RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor márcase ante o Granada CF "deixar un bo sabor de boca" nun Día das Peñas, que "sempre é importante"

O Dépor recibe mañá sábado 17 de maio ás 16:15 en ABANCA-RIAZOR ao Granada CF en partido correspondente á 40ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Haberá festa no estadio posto que o encontro coincide co Día das Peñas, con comida e actuacións musicais na rúa Almirante Cadarso (unha das perpendiculares á Tribuna). Esta xornada, advirte Óscar Gilsanz, "sempre é importante pola cantidade de xente que se vai a achegar. É o partido ideal para facer un bo encontro e deixar un bo sabor de boca como hai 15 días (ante o Albacete Balompié)". 

Así pois, márcase como obxectivo "facer un bo partido. Despois dese mal sabor de boca que nos deixou o partido de El Molinón o outro día, no cadro hai ganas de volver a ABANCA-RIAZOR".

Coa permanencia como o primeiro obxectivo cumprido, Os Nosos suman 53 puntos situados na 12ª posición.

O equipo realizou esta mañá o último adestramento cunha activación con roldo, fútbol reducido e un ensaio de accións a balón parado.

Son baixa para o encontro por motivos físicos Dani Barcia, Gauto, Mella, Ximo Navarro e Jose Ángel, "que tampouco está a adestrar para coidar os seus problemas", tal e como confirmou o preparador deportivista.

Admite que hai xogadores con algunha molestia, caso de Yeremay: "Non imos ter ningún risco con el nin con ningún outro xogador en canto a que se non está dispoñible para saír de inicio ou para xogar non o fará".

Desvela que o outro día en El Molinón, substituído ao descanso, "non houbo unha lesión en si, senón unha molestia, unha sobrecarga. Cremos que pode estar", engadiu en referencia ao canario.

Pola súa banda, o Granada CF, que o pasado luns caeu no Nuevo Los Cármenes coa SD Eibar, é 7º con 59 puntos.

No partido da primeira volta disputado na cidade andaluza o 8 de setembro (4ª xornada) houbo empate a un gol.

Lonxe do seu campo o Granada CF dos ex deportivistas Pablo Insua e Marc Martínez, gañaron ao Racing de Ferrol (0-1), CD Mirandés (0-1), CD Castellón (2-3), Sporting de Gijón (1-2), CD Eldense (0-3), Albacete Balompié (0-2) e FC Cartagena (2-3); empataron co Elche CF (2-2), Burgos CF (2-2), SD Eibar (1-1) e SD Huesca (1-1); e caeron co Real Zaragoza (2-1), UD Almería (2-1), Real Oviedo (2-0), Levante UD (3-1), Córdoba CF (5-0), Cádiz CF (1-0), CD Tenerife (2-1) e Málaga CF (1-0).

Esta semana, o conxunto nazarí relevou a Fran Escribá por Pacheta no banco.

O técnico branquiazul cualifica aos andaluces como "un gran equipo" e advirte que "se está xogando as súas opcións de meterse no play off de ascenso. Cambiou de adestrador e vai vir con moitísima activación por ese cambio".

Define a Pacheta como "un gran adestrador que ademais ten unha capacidade para motivar ao grupo de cara a estes partidos".

Precisamente o novo técnico granadino lanzou nas redes sociais do Club unha mensaxe de "unidade" á afección, porque "vos imos a necesitar para estes 3 partidos que igual son 7. Viñemos a ascender. Cando? Oxalá sexa agora. Imos pelexar por iso".

Finalizado o encontro, o Dépor ten o domingo 18 de maio xornada de descanso.