RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor mídese mañá sábado á UE Cornellà nunha Cidade Deportiva Dani Jarque convertida nun pequeno ABANCA-RIAZOR

Do mesmo xeito que sucedeu a pasada fin de semana no Cerro del Espino, #ANOSAFORZA converterá mañá sábado ás 16:00 (FEF TV) a Cidade Deportiva Dani Jarque, con motivo da visita á UE Cornellà, nun pequeno ABANCA-RIAZOR, coa presenza dun milleiro de afeccionados branquiazuis sobre unha capacidade de 1.500 persoas nas bancadas.

O encontro entre deportivistas e cataláns abrirá a 30ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Os resultados da fin de semana, co triunfo branquiazul en Majadahonda hai 7 días (0-2), deixaron a Os Nosos á fronte da clasificación unha semana máis con 55 puntos por 54 do FC Barcelona Atlètic, 2º na táboa. Por detrás, con 51, veñen por esta orde Celta Fortuna (3º) e Nástic de Tarragona (4º). A SD Ponferradina marcha en 5ª posición con 50 puntos.

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de adestramento no campo 3 de Abegondo antes de partir de viaxe a Barcelona. O corpo técnico dispuxo, após unha activación e un roldo no campo 2, un repaso ao plan de partido e un ensaio de accións a balón parado. 

Cae da convocatoria por segunda semana Lucas Pérez, en proceso de recuperación. Onte en rolda de prensa Imanol Idiakez xa admitía que o concurso do capitán era complicado: "Desde o sentido común é verdade que ás veces podes forzar pero sempre que o risco estea nuns límites aceptables".

O técnico apelou ante os medios a unha sorpresa esta mañá porque "son cousas que cambian dun día para outro", circunstancia que finalmente non se produciu e Lucas quedará na Coruña.

O equipo si recupera a David Mella após o seu paso pola selección española sub-19 no Mini Torneo Elite de Eslovenia, no que, acompañado polo fabrilista Kevin, gañouse unha praza na Fase Final do Campionato de Europa da categoría.

Onte xoves, o preparador branquiazul admitiu atopalo no seu regreso á Cidade Deportiva "mellor do que esperaba despois da cantidade de minutos que lle deron".

Rubén López será o representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 23 futbolistas.

Imanol presumiu de cadro e resaltou "o traballo da xente que non está a participar de inicio, como traballan e como están no día a día. Cremos ademais que un equipo non poden ser 11. No cadro temos xente cunha capacidade indubidable que lle está tocando tamén menos minutos do que merece e do que a súa capacidade lle permite. Iso fainos bos a todos e o outro día (en Majadahonda) demostrouse".

De feito, pon como exemplo o encontro no Cerro del Espino, no que houbo "baixas de xogadores que ultimamente estaban a ser importantes e o equipo fai un bo traballo; e iso sempre é unha moi boa noticia para o Dépor".

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR entre o Dépor e a UE Cornellà (na foto da noticia) o 24 de setembro houbo empate (1-1). Pablo Vázquez adiantou aos branquiazuis no minuto 30 pero igualou Andreu no ecuador da segunda parte.

O adestrador deportivista explicou que o conxunto catalán "é un equipo bastante camaleónico, mesmo dentro dos propios partidos é capaz de cambiar de estrutura dúas veces; a semana pasada, sen ir máis lonxe, en Barcelona. Esa é unha das súas virtudes tamén, a capacidade de adaptación. Imaxínome que non será nada fácil para eles xogar de local e cada X partidos cambiar de escenario (até hai unhas semanas disputaba os seus partidos en Palamós) tamén; sobre todo é difícil para eles".

Resaltou que "ten acenos de identidade bastante claras e que che obriga a estudar diferentes estruturas, pero os seus puntos fortes son evidentes e témolos claros. No fútbol bastante directo é moi poderoso, nos balóns á área moi poderoso e no contraataque é moi perigoso. Temos claros eses puntos e a ver se somos capaces de facelos menos fortes nós".

O rival deportivista, que a pasada fin de semana caeu pola mínima (1-0) na súa visita ao FC Barcelona Atlétic, é 13º na táboa con 34 puntos.

Como local esta temporada a UE Cornellá gañou ao CF Fuenlabrada (1-0), Unionistas de Salamanca CF (3-0), Real Unión (3-1), CD Lugo (1-0) e Celta Fortuna (2-1); empatou coa SD Tarazona (1-1), CD Teruel (1-1), CF Rayo Majadahonda (2-2), SD Logroñés (0-0), Osasuna B (0-0) e Nástic (0-0); e perdeu coa Real Sociedad B (0-1), FC Barcelona Atlétic (0-2) e CE Sabadell FC (0-1).

O seu tres últimos encontros no seu campo saldounos con empate sen goles (0-0).

O seu adestrador, Gonzalo Riutort, manifestou que "esta semana nos enfrontamos a un equipo que por algo vai primeiro na clasificación. Leva 10 partidos sen perder, con moi bos números, boas sensacións, nunha dinámica claramente positiva".

Apunta que "nós nos focalizamos no seguinte, que é este partido, deixamos atrás o partido contra o Barça e con ese punto de ambición de querer que o do Barça quede nunha anécdota. Imos centrarnos neste partido no cal imos ter que estar moi ben".

Finalizado o partido na Cidade Deportiva Dani Jarque, Os Nosos regresan mañá mesmo en avión ao Aeroporto da Coruña e adestraranse de novo o domingo ás 11:00 en Abegondo.