Menos de 72 horas do último partido de liga ante a Real Sociedad B, o Deportivo eliminou (1-0) ao RCD Mallorca nos dezaseisavos de final da Copa del Rey, a partido único, este martes 16 de decembro en ABANCA-RIAZOR.
O protagonista do encontro foi Noé Carrillo, un canteirán que debutaba hoxe, o sexto esta temporada após Pablo García e Fabi en Castro Urdiales; e Samu, Damián Canedo e Bil na Nova Creu Alta.
Antonio Hidalgo manifestou que "están a traballar moi ben. Hai un gran traballo con Manuel Pablo no filial. Estou moi contento por eles. Saíron nun momento dificil. Foron protagonistas no gol. Noé atopouse o gol. Estou moi contento por el. Leva tempo buscando esa oportunidade. Seguiremos contando con #ANOSACANTEIRA".
Iso si, o técnico deportivista pide "ir paso a paso. Na parte de arriba temos moita xente e Bil dános algo diferente. Noé é un mozo que nese último terzo ten unha arrancada diferencial. Tivo unha lesión e non puido estar máis connosco".
A última vez que se viron as caras ambos os equipos en ABANCA-RIAZOR foi o 20 de xuño de 2019 no partido de ida do play off final de ascenso a Primera División. Naquela ocasión venceron Os Nosos por 2-0.
Ante os baleares os branquiazuis volvéronse a enfrontar en competición oficial a un equipo de Primeira División desde o 20 de maio de 2017, no que o rival foi a UD Las Palmas en ABANCA-RIAZOR.
Nesta edición de Copa o Dépor apeou en primeira rolda ao UD Sámano de Segunda Federación (1-4) e á CE Sabadell FC de Primera Federación (0-2).
Cristian Herrera, ás mans de Bergström, foi o primeiro en xutar a porta aos 5 minutos.
Respondeu Asano ás costas da defensa aínda que taponou ben Barcia.
Pouco despois, o xaponés, nunha mala saída de balón do Dépor, rematou de socato e peró ben Eric Puerto.
De Asano foi a terceira case consecutiva, esta vez o seu chute márchase desviado. Todo iso nunha marxe de apenas 4 minutos.
Non conseguía chegar o Dépor pero o RCD Mallorca tampouco facía dano.
Ao fío do descanso, Eric Puerto desvía a saque de esquina un potente disparo de Llabrés.
Os últimos minutos da primeira metade foron de certo abafo balear sobre a portería deportivista.
Así se chegou ao descanso.
Empezou o Dépor moi forte. No minuto 47, e após un saque de esquina, Villares manda o balón ao pau da portería de Bergström.
A resposta mallorquina foi un disparo moi alto de Mateu Jaume no minuto 55.
Antonio Hidalgo empeza a refrescar ao equipo con Mario Soriano e Luismi por Mella e Rubén López.
Aos 62 minutos, Abdón cabecea lixeiramente desviado un centro lateral desde a esquerda.
Cristian Herrera, aos 63, xuta raso pegado ao pau esquerdo da meta de Bergström. Atallou a meta do RCD Mallorca.
Tamén desde moi lonxe xutou Samu no minuto 67. Eric Puerto saca a córner.
O Dépor vai a polo partido. Stoichkov e Bil relevan a Mulattieri e Cristian Herrera.
No outro banco, Jagoba Arrasate comeza a sacar a súa artillaría: Darder e Maffeo relevan a Pablo Torre e Lato.
O partido estaba totalmente equilibrado e podía caer dun lado ou outro.
Maffeo disparou ao traveseiro no minuto 75 e á contra, Bil falla só ante Bergström após unha contra lanzada por Mario Soriano.
Noé, outro canteirán que debuta esta temporada en competición oficial, relevou a Villares na recta final.
E cumpriu un dos seus soños. Meteu ao Dépor en oitavos de final co seu gol no minuto 85.
Nunha longa xogada de ataque deportivista, Luismi colga ao segundo pau, cabecea Bil ao pau e o rexeite empúxao a pracer Noé á rede.
O RCD Mallorca tentouno nos poucos minutos que quedaban pero o Dépor, tamén con oficio, tapou todas as vías e Vos Nosos están xa en oitavos de final.
"Fixemos un gran partido", concluíu Antonio Hidalgo.
Deportivo: Eric Puerto, Lucas Noubi, Arnau, Dani Barcia, Mella (Luismi Cruz, min. 60), Guagliata, Villares (Noé, min. 79), Gragera, Rubén López (Mario Soriano, min. 60), Cristian Herrera (Bil, min. 68) e Mulattieri (Stoichkov, min. 68)
RCD Mallorca: Bergström, Mateu Jaume (Salhi, min. 80), David López (Valjent, min. 60), Kumbulla, Lato (Maffeo, min. 70), Samu, Pablo Torre (Sergi Darder, min. 70), Antonio Sánchez, Javi Llabrés (Jan Virgili, min. 80), Asano e Abdón
Árbitro: Miguel Ángel Ortiz Arias, do comité madrileño. Amoestou a Dani Barcia (min. 90)
Goles: 1-0 Noé (min. 85)
Incidencias: Marta López-Prado 'Martita' realizou o saque de honra após regresar coa medalla de bronce do Mundial de fútbol sala disputado en Filipinas. Asistiron 17.873 espectadores a ABANCA-RIAZOR
