Os Nosos pechan a 3ª xornada en LaLiga Hypermotion coa visita ao CD Leganés en Butarque este luns 1 de setembro ás 21:30 horas (Dazn e LaLiga TV Hypermotion).
As baixas confirmadas nos branquiazuis son a de Jose Ángel por lesión e Lucas Noubi, que viaxou este domingo á concentración da selección belga sub-21 para disputar un partido ante Bielorrusia clasificatorio para o campionato de Europa da categoría.
Antonio Hidalgo restou importancia esta mañá na sala de prensa de Abegondo ás citacións internacionais tanto do belga como de Mella, que após o partido contra os madrileños únese á selección española sub-21 e será baixa para o choque do sábado 6 de setembro en ABANCA-RIAZOR ante o Sporting de Gijón: "Estamos preparados para iso. De nada vale queixarse porque as cousas cando funcionan dunha maneira hai que aceptalas. E a partir de aí preparar o partido da mellor maneira coa xente dispoñible".
O encontro en Butarque chega após unha semana na que o Club reforzou a parcela atacante coas fichaxes do dianteiro italiano procedente do Sassuolo Samuele Mulattieri e do atacante gaditano Juan Diego Molina Martínez, coñecido no mundo do fútbol como Stoichkov; e concretou as saídas de Denis Genreau e Bouldini.
Do futbolista italiano, o técnico subliñou que "ten moita mobilidade. Vainos a complementar moi ben esa posición"; e sobre Stoichkov lembra que o tivo na CE Sabadell, "pódenos ocupar as 3 posicións de ataque. Dános moita versatilidade, moitísimo gol. Ten moitas ganas, moito compromiso e estou moi contento de ter aos dous". "Gústalle xogar por detrás do dianteiro, seguramente escorado un pouco á esquerda é onde se atopa máis cómodo. Comigo en Sabadell utiliceille nas 3 posicións. Tamén pode xogar de mediapunta. Se fose necesario na punta aínda que non é a súa posición ideal", engadiu.
O Dépor chega ao encontro en Butarque con 4 puntos, froito do seu triunfo en Granada (1-3) e o seu empate en ABANCA-RIAZOR ante o Burgos CF.
Os Nosos, co fabrilista Mane, realizaron esta mañá no campo 2 de Abegondo a última sesión de traballo, consistente nunha activación, un exercicio de finalizacións, fútbol en espazo reducido e un repaso ás accións de estratexia.
Precisamente do canteirán, Antonio Hidalgo afirma que "o estamos vendo, estamos a coñecer ao mozos do filial. Onte tiven a ocasión de ver un intre ao filial contra o Bergantiños CF".
Como é habitual, haberá apoio desde a bancada posto que as entradas que o Dépor sacou á venda cedidas polo CD Leganés esgotáronse en poucas horas.
O conxunto madrileño é un dos recentemente descendidos de LaLiga EA Sports, ten 2 puntos após os empates en Huesca (1-1) e ante o Cádiz (1-1).
O seu técnico, Paco López, declarou na sala de prensa que "a idea é sempre a mesma, ser un equipo equilibrado".
Opina que ao Dépor "gústalle ser dominador e levar a iniciativa do partido". "Demostrou en pretemporada e nos dous primeiros partidos que é un equipo cuns acenos de identidade claras. Ten moitísimas alternativas con balón, con xogadores con moi bo pé, con moito talento de mediocampo cara arriba. É dos equipos que están chamados a estar arriba", engadiu.
No entanto, subliña o adestrador do 'Lega' que o seu equipo "está preparado tanto cando teña a pelota como cando non a teña. Trátase de facer un mellor traballo que o Dépor e tratar de superarlles".
Finalizado o choque, Os Nosos regresan en autocar á Coruña e adestraranse de novo o mércores 3 de setembro a partir das 10:30 en Abegondo.
