A cidade de Ourense engalanábase para recibir a visita do RC Deportivo. Comezaba a caer a noite, cando as camisetas branquiazuis xa se deixaban ver polas rúas da cidade de As Burgas. Sobre o céspede, os gaiteiros conseguían levantar as bufandas e os aplausos do público. Coas bancadas xa entregadas comezaba a rodar a pelota. O primeiro encontro do Dépor na Copa del Rey 2024-2025 comezou cunha notable igualdade.
Durante estes primeiros compases, o cadro herculino dominaba a posesión do esférico, mentres o Ourense CF buscaba o fallo visitante para contraatacar. Foi nunha desas longas posesións cando chegou a primeira ocasión branquiazul. Alfaro apurou liña de fondo e puxo un balón tenso que atopou a Gauto. O disparo do arxentino foi rexeitado por Pato Guillén a córner.
A ocasión do xogador cedido polo Basilea provocou a reacción do cadro local, que deu un paso á fronte. O equipo ourensán acumulou varios achegamentos perigosos sobre a meta de Germán, aínda que sen poder finalizar ningún.
A pesar da inercia do encontro, as ocasións e as xogadas de perigo seguían sendo do Dépor. Sobre a media hora de partido sucedéronse as dúas seguintes. Hugo Rama gambeteó a varios rivais, pero o seu disparo foise fóra. Practicamente na seguinte xogada, Obrador filtrou un gran balón para Davo. O porteiro local tratou de achicar os espazos e, após a definición de Davo á media volta, un defensa sacou o balón practicamente baixo paus.
Pouco máis ía suceder na primeira parte. O cuarto árbitro levantou o cartelón cun de engadido. 60 segundos despois, após unha falta botada polo Ourense CF, os aplausos e berros de "Coruña, Coruña" acompañaban aos xogadores mentres enfilaban a bocana de vestiarios.
A segunda parte arrincaba sen cambios. Polo menos en canto nomes, xa que en sensacións era distinto. O Dépor saíu de vestiarios un puntiño máis enchufado. Non se cumpriron os dous minutos de xogo cando chegou a primeira ocasión herculina. Obrador atopou a Hugo Rama á saída dun córner, pero a execución do santiagués marchouse lonxe do arco.
Cando o encontro transcorría polo dez de xogo do segundo acto chegaron as primeiras variacións. Óscar Gilsanz deu entrada a Aarón, que debutaba así en partido oficial, e a Villares en substitución de Pablo Martínez e Alfaro.
Sinalaba o cronómetro o quince primeiros minutos do segundo acto, cando chegaron as dúas ocasións máis claras dos locais. Josema Raigal executou un gran lanzamento de falta que Germán repeleu a saque de esquina. O córner acabou na cabeza de Miguel Prado cuxo remate foise rozando o pau.
O equipo ourensán comezou a gañar peso no partido o que provocou que Óscar Gilsanz introducise dous cambios máis. O estadio do Couto recibiu cunha sonora ovación a Lucas Pérez que substituíu a Hugo Rama. Juan Gauto tamén lle cedeu o seu sitio a David Mella.
O de Monelos tivo un gran impacto no partido. Practicamente no primeiro balón que tocou deixou unha gran asistencia na frontal da área para Patiño. O disparo do xogador inglés foi rexeitado á esquina por Pato Guillén.
Non tardou moito en chegar o segundo gran servizo do '7'. Un pase da morte deixou a Cristián Herrera en vantaxe para adiantar ao Dépor, pero o seu disparo foi rexeitado milagrosamente polo ombreiro de Carmona na mesma liña de gol.
A pesar destas dúas grandes ocasións o partido íaselle a escapar ao Dépor a menos de 5 minutos para o final. Ángel Sánchez cabeceou un gran córner ao fondo da rede no 86. Os branquiazuis trataron de reporse ao gol local, pero non o conseguiron e o partido finalizou co 1-0 favorable ao Ourense CF.
Após esta derrota o Dépor queda eliminado desta edición da Copa del Rey. O sábado recibirá ao Real Zaragoza en ABANCA-RIAZOR onde o equipo tratará de reporse deste duro golpe e buscará prolongar as boas sensacións do último partido de liga ante o Cádiz CF.
Ourense CF: Pato Guillén; Carmona, Miguel Prado, Fidalgo, Jerín; Gonzalo dei Renzo, Iván del Olmo, Alex Zalaya, Raul Prada, Josema Raigal e Jairo. Tamén xogaron: Álex Gil, Ángel Sánchez, Fernando Andrada e Fullana.
RC Deportivo: Germán; Petxa, Pablo Martínez, Jaime, Obrador; Patiño, Aarón, Hugo Rama; Davo, Gauto e Herrera. Tamén xogaron: Aarón, Villares, Lucas, Mella e Mario Soriano.
Árbitro: Manuel Jesus Orellana Cid. Amoestou a Hugo Rama por parte do Dépor e a Jerin, Iván del Olmo e Ángel Sánchez por parte do Ourense CF.
Gol: 1-0 Ángel Sánchez (min. 86)
Incidencias: partido disputado no campo de O Couto