RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor perde no SkyFi Castalia ante un CD Castellón "que tirou dúas veces a portería"

O Dépor non puido (2-0) este domingo 15 de febreiro no Estadio SkyFi Castalia co CD Castellón en partido correspondente á 26ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Antonio Hidalgo subliña que "tiraron 2 veces a portería. Nós tivemos o traveseiro de Mario Soriano, unha clarísima baixo paus de David, outra de Yeremay, unha de David para poder acabar, situacións em o principio da segunda parte... Temos que dar ese paso", lamentouse en declaracións pospartido.

Con este resultado, Os Nosos quedan con 43 puntos na 4ª posición.

Antonio Hidalgo tivo a todo o seu cadro dispoñible e introduciu un cambio no once inicial respecto ao encontro da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié: Riki relevou a Luismi na sala de máquinas.

"Vino ben. Fixo un gran partido. Fíxoselle un pouco longo ao final. Deunos esa superioridade, esa pausa, esa condución que elimina rivais e presión. Estou contento por el e vainos a dar moitísimo", opinou o técnico deportivista.

Pola súa banda, o CD Castellón presentábase ante a súa inchada en 2ª posición con 45 puntos; e con 7 vitorias consecutivas no seu feudo, onde non perde desde o 19 de outubro ante o Albacete Balompié.

O partido arrincou como se prevía, cun ida e volta nas dúas áreas.

Aos 5 minutos, Alberto tapona co seu corpo un remate franco de Mella na área pequena, após un roubo de balón e pase atrás de Yeremay.

O CD Castellón tentábao sobre todo por banda dereita con Cipenga.

Pero os castellonencos están enrachados. Camara ábrese oco na frontal e bate a Álvaro Ferllo aos 9 minutos cun disparo axustado ao pau esquerdo. Primeiro tiro entre os 3 paus e primeiro gol.

Comezou unha etapa de dominio do balón do Dépor, que obrigou aos locais a replegar liñas.

Aos 25 minutos, de novo Mella atópase co corpo dun defensa após recibir libre de marca nunha boa xogada de ataque que arrincou Riki.

Unha golapada por banda dereita do canteirán habilita a Yeremay, de novo taponado no seu disparo pola defensa blanquinegra.

Con 1-0, con moitas chegadas nas dúas áreas e con só un tiro entre os 3 paus que acabou en gol chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Eddahchouri foi o protagonista en dúas accións.

Na primeira evitou o remate franco de Yeremay que chegaba desde atrás e na segunda, case consecutiva, cabeceou lixeiramente desviado un bo centro desde a dereita. 

Pouco despois Mario Soriano rematou unha boa internada de Quagliata por banda esquerda. O balón, após tocar nun defensor, estrélase no traveseiro da defensa do CD Castelló. Corría o minuto 54.

No outro área, Loureiro crúzase providencialmente cando Cipenga se aprestaba ao remate ante Álvaro Ferllo.

Nunha xogada da nada, Cala aumenta a vantaxe nun gran disparo desde fóra da área que colle desprevido a Álvaro Ferllo. Corría o minuto 62. Segundo tiro e segundo gol, xa definitivo.

"Son goles que non debemos encaixar porque penalízanche moito contra un equipo como o CD Castellón. Fíxonos dano o segundo gol. A partir de aí estivemos algo precipitados", comentou Antonio Hidalgo, que comeza a mover o banco. Mulattieri e Luismi relevan a Eddahchouri e Jose Ángel.

O partido púxose de cara para o CD Castellón, que agardou para facer dano á contra. 

"Eles empezan a meter xente por dentro e a levar o balón de lado a lado. Tivemos a nosa dose de balón pero sen ameaza. Empezounos a faltar pernas", comentou o preparador deportivista.

Stoichkov e Ximo Navarro substitúen a Alti e Quagliata para un último arreón á desesperada. E pouco despois Villares por Riki, "un cambio que non estaba previsto porque tiñamos pensado pór outro xogador de ataque", desvelou o adestrador branquiazul na sala de prensa.

O Dépor non deu para máis e o encontro finalizou con 2-0.

CD Castellón: Matthys, Sienra (Brignani, min. 82), Alberto, Barri (Doué, min. 72), Camara (Álvaro, min. 82), Suero (Raúl Sánchez, min. 58), Lucas, Gerenabarrena, Cipenga (Pablo, min. 82), Cala e Mellot

Deportivo: Álvaro Ferllo, Alti (Ximo Navarro, min. 73), Lucas Noubi, Loureiro, Quagliata (Stoichkov, min. 73), Jose Ángel (Luismi, min. 62), Riki (Villares, min. 78), Mella, Mario Soriano, Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 62)

Árbitro: Manuel Ángel Pérez, do comité madrileño. Amoestou a Barri (min. 28), Antonio Hidalgo (min. 48), Quagliata (min. 50), Sienra (min. 65), Loureiro (min. 77), Mella (min. 85) e Doué (min. 90)

Goles: 1-0 Camara (min. 9); 2-0 Cala (min. 62)

Incidencias: partido disputado no SkyFi Castalia ante 13.399 espectadores, entre eles uns 200 afeccionados branquiazuis