RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor recibe este sábado 21 ás 21:00 en ABANCA-RIAZOR ao Real Zaragoza e antes, ás 19:00, o agarimo de ANOSAFORZA, "a maior fortaleza que podamos ter"

O Dépor recibe ao Real Zaragoza este sábado 21 de marzo ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas) en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 31ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Antes, ás 19:00, Os Nosos recibirán o agarimo de ANOSAFORZA á chegada do autobús do equipo á porta cero do estadio. "Vai ser moi positivo. O futbolista xa sabe que vai ter á súa xente desde o primeiro minuto até o 90 empuxando", manifestou Antonio Hidalgo ante os medios de comunicación.

Cre que este tipo de accións "dá confianza ao futbolista. Logo son os xogadores e nós os que temos que dar ese paso adiante. Todos imos remar xuntos. É a maior fortaleza que podamos ter".

Os Nosos, após o triunfo (1-2) en Ceuta a pasada fin de semana, suman 52 puntos na 2ª posición da táboa, os mesmos que a UD Almería (3º).

O conxunto branquiazul encara unha nova semana situado en posto de ascenso directo a LaLiga EA Sports.

Desde o 16 de decembro de 2018 (18ª xornada da temporada 2018-19), na que o triunfo precisamente por 3-1 en ABANCA-RIAZOR ante o conxunto aragonés supuxo sumar 35 puntos e situarse na 2ª posición, nunca estivo o Dépor tan preto de Primera División como agora, tamén 2º con 52 puntos na 30ª xornada da 2025-26. Por certo, 1 punto menos a falta de 12 partidos que os sumados en toda a temporada 2024-25.

É baixa por sanción Dani Barcia, que viu no Estadio Alfonso Murube de Ceuta o seu 5º cartón amarelo.

Así mesmo, está lesionado David Mella, que esta semana foi intervido cirurxicamente polo doutor Manuel Leyes dunha lesión no ligamento lateral externo do seu xeonllo esquerdo.

A operación, que se desenvolveu con éxito o pasado mércores, tivo lugar no Centro Médico Olympia de Madrid.

O canteirán xa está de regreso na Coruña para iniciar a súa recuperación.

O adestrador deportivista desvela que David Mella "está animado. Ten ganas de estar por aquí, ten ganas de vernos. É unha faena grande sobre todo pola lesión, polo tempo que vai estar fóra. Desde aquí ímoslle a animar, ímoslle a querer moito, ímoslle a coidar. E que volva o mellor que poida".

Tamén o ten complicado para xogar Miguel Loureiro, cunha escordadura de nocello sufrida en Ceuta após unha forte entrada de rival nunha xogada que lle obrigou a solicitar o cambio no descanso.

"Ten bastantes molestias. É moi difícil que chegue. Para esa posición tamén contamos con Samu. Dani está sancionado. Quedamos un pouco curtos nesa posición pero confiando ao máximo nos que estarán", apuntou o preparador deportivista sobre o central coruñés.

Os Nosos realizaron este venres no Dépor Training Center unha última sesión antes do encontro, consistente nunha activación con roldo, fútbol reducido, un exercicio de finalizacións e un ensaio de accións de estratexia.

Si traballou Yeremay co grupo. "Aos poucos, de maneira progresiva, foi entrando durante a semana. Onte (xoves) terminou o adestramento con boas sensacións. Todo apunta que poderá estar dispoñible para mañá", comentou o técnico deportivista.

Ademais de Samu, citado anteriormente, Bil, goleador en Ceuta, foi o outro fabrilista co primeiro equipo. "De Bil non me preguntes porque non existe xa para nós", chanceou Manuel Pablo, técnico do Fabril, na súa comparecencia semanal ante a prensa.

Pola súa banda, o Real Zaragoza, que a pasada fin de semana dobregou á UD Almería (2-0), é 20º con 30 puntos.

No partido da primeira volta disputado o pasado 2 de novembro, venceu o Dépor por 0-2 con goles de Mario Soriano e David Mella.

Lonxe do seu campo esta temporada o Real Zaragoza gañou ao CD Mirandés (0-1), SD Eibar (1-2), Real Racing Club (2-3) e Cádiz CF (0-1); empatou co CD Castellón (1-1), Málaga CF (1-1), Burgos CF (1-1) e Cultural Leonesa (0-0); e caeu coa Real Sociedad B (1-0), AD Ceuta FC (1-0), UD Almería (4-2), Sporting de Gijón (1-0), Granada CF (3-1), Albacete Balompié (2-0) e FC Andorra (2-1).

David Navarro, técnico zaragocista, asegurou que "o equipo está moi mentalizado no camiño que ten que percorrer".

Subliñou ademais que "hai que pensar en volver gañar e seguir remando. Hai que remar até chegar á beira".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o domingo 22 de marzo ás 11:30 no Dépor Training Center.