O Dépor mídese mañá mércores 29 de xaneiro ás 21:00 (hora galega, 20:00 hora local, LaLiga TV Hypermotion) ao CD Tenerife en encontro correspondente á 19ª xornada aprazada o pasado 15 de decembro polo temporal que azoutou a illa aquel día.
A pesar de ser un partido entre semana, uns 300 deportivistas animarán ao equipo na bancada.
Os Nosos volven a Santa Cruz de Tenerife sen Eric Puerto, cedido ao Marbella FC até final de temporada; e co regreso do canteirán Diego Gómez, que a primeira parte da temporada xogouna cedido no CD Arenteiro de Primera Federación.
A inmerecida derrota do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Levante UD deixou ao Dépor en 17ª posición con 28 puntos.
Óscar Gilsanz, en rolda de prensa, recalcou que o equipo "estivo a nivel defensivo ben salvo esas dúas xogadas concretas onde un erro de comunicación máis que nada nos penalizou".
Tamén mostrou a súa preocupación por "as transicións despois de balón parado cando iamos 0-1 porque é algo para corrixilo".
O Dépor viaxou pola mañá a Santa Cruz de Tenerife e adestrouse esta tarde na Cidade Deportiva Javier Pérez do CD Tenerife.
O corpo técnico dispuxo unha activación con roldo e fútbol reducido, de alta intensidade.
Pola súa banda, o CD Tenerife ten adestrador novo respecto ao partido aprazado no mes de decembro. Álvaro Cervera relevou a Pepe Mel no banco.
Os canarios, que a pasada fin de semana caeron no Heliodoro Rodríguez López (0-1) co CD Eldense, ocupan a 21ª posición con 23 puntos.
Óscar Gilsanz alerta que o CD Tenerife "cando rouba ten moita verticalidad. Ten xogadores como Cantero, Luismi Cruz, Waldo que por fóra son xente rápida, xente habilidosa co cal se está armando moito máis defensivamente".
Finalmente destaca que "hai adestradores como Álvaro Cervera que é capaz de facer crer ao seu equipo. Independentemente do partido ante o Real Zaragoza que ía gañando 0-2 e empatáronlle e este último ante o CD Eldense todo o mundo nese vestiario cre que son capaces de gañarlle a calquera. Cambiar esa maneira de pensar é moi difícil. Álvaro é un dos adestradores que podía cambiar iso, cambiouno e ímonos a atopar a un CD Tenerife moi diferente ao da primeira volta, con moitísima máis confianza en si mesmo, cun plan claro para xuntarse, para que non lles fagan ocasións de gol, un equipo difícil de facerlles gol. Nese caso imos ter un partido dificil".
No seu campo esta temporada os tinerfeños gañaron ao FC Cartagena (2-0), CD Mirandés (1-0) e CD Castellón (2-0); empataron co Sporting de Gijón (1-1), Málaga CF (0-0) e Elche CF (1-1); e caeron coa UD Almería (0-1), Real Racing Club (0-1), Real Zaragoza (2-3), Levante UD (0-3) e o citado ante o CD Eldense (0-1).
Álvaro Cervera, en rolda de prensa, cualificou de "pau duro" a derrota da pasada fin de semana e lamentouse porque "me gustaría un pouco máis de tempo para traballar cousas que se poden mellorar. Pero o fútbol é así".
Ve o partido ante o Dépor como "unha oportunidade de sacar un bo resultado e ver as cousas doutra maneira".
Cualificou a Os Nosos como un equipo "rechamante co balón. Xoga con extremos moi abertos, moi rápidos, moi desequilibrantes. Para que poidan entrar en acción non pode haber balóns longos. Ten que haber xogo combinativo. Cando lle sae ben é un equipo moi perigoso e cando non teñen o día ou o contrario ponlles nun aperto, pásano mal".
Finalizado o encontro, o Dépor pasa a noite en Santa Cruz de Tenerife e regresa o xoves pola mañá.
Óscar Gilsanz citou de novo ao seu cadro o venres 31 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.
