RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor remonta no Pinilla para traerse tres puntos máis (1-3)

O Deportivo impúxose no Pinilla, feudo do CD Teruel, a pesar de que o equipo aragonés adiantouse no marcador, dándolle a volta ao resultado grazas a un dobrete de Barbero e un tanto de Yeremay.

Unha semana máis, Imanol Idiakez, técnico deportivista, repetiu aliñación.

O partido non comezou da mellor maneira para o conxunto coruñés, coas mans atadas por un hiperactivo e tento CD Teruel. O conxunto local, na súa primeira chegada clara, adiantouse no marcador. Corría o minuto 19 cando Borja Martínez, practicamente a porta baleira, levaba o balón ao fondo das mallas após un centro raso de Gabarre que rebotou en Diego Villares e foi parar a pés do goleador ao bordo da área pequena.

O tanto encendeu ao Dépor, que non tardou en empatar. Fíxoo Barbero no minuto 24, despois de controlar dentro da área un centro de Jose Ángel e fusilar a Taliby.

Cando se cumpría a media hora de xogo, Hugo Rama escapou pola esquerda e soltou un potente zurdazo por alto que Taliby atrapou con sorprendente seguridade. O Dépor fíxose co control do partido, pero aínda que foi suficiente para limitar as chegadas do CD Teruel, non chegou para poñer en máis apuros ao gardameta local até o descanso.

Con todo, o Dépor consumou a remontada no seu primeiro ataque da segunda metade. Transcorrera minuto e medio desde a continuación cando un sutil pase en profundidade de Yeremay atopou a Barbero, que no man a man con Taliby recortouno e marcou a porta baleira. Cos seus dous tantos de hoxe, o dianteiro almeriense alcanzou os 10 goles, superando a Lucas, que suma 9, como máximo anotador branquiazul do curso.

Dez minutos despois, Yeremay sentenciou a contenda despois de enganchar un balón solto na área após unha veloz internada de Mella. O esférico coouse por todo o recanto. Foi o cuarto gol do canario na presente temporada.

Con dous goles de vantaxe, o Deportivo tivo o encontro baixo control e gozou dalgunhas ocasións para ampliar a súa vantaxe. No minuto 69 chegou unha longa e veloz carreira de Ximo Navarro, que acabou disparando nunha posición similar á do gol de Yeremay pero o esférico foise alto. No minuto 74, Taliby detivo unha falta directa moi afastada lanzada con moita intención por Hugo Rama.

A mellor ocasión do CD Teruel para meterse no partido produciuse no minuto 83. Un contragolpe culminouno Borja Martínez cun potente zurdazo cruzado que saíu lamiendo o pau esquerdo do marco defendido por Germán.

Nos minutos finais e os seis de engadido que decretou o colexiado, o Dépor soubo contemporizar para chegar a bo porto, cun novo triunfo que mantén ao equipo herculino como mellor conxunto a domicilio, con 34 puntos en 17 partidos.

O Deportivo, que só perdeu un dos últimos 21 encontros, suma 11 vitorias e 2 empates nos últimos 13 partidos. Ou o que é o mesmo, 35 dos últimos 39 puntos posibles. Con 64 puntos, lidera o grupo 1 de Primera Federación, por diante do Barcelona Atlètic (58 antes de visitar mañá ao Unionistas de Salamanca CF), Gimnàstic de Tarragona (57, que xoga este domingo no campo da SD Tarazona), RC Celta Fortuna (54 e recibe mañá ao CD Lugo) e SD Ponferradina (53, e tamén xoga mañá no seu campo ante o SD Logroñés).

CD Teruel: Taliby, Aitor Pascual, Sierra, Arnau Gaixas, Julen, Nacho Castillo (Ahn, min. 60), Fran Tena (Villa, min. 74), Aparicio (Facu García, min. 60), Romero (Alastuey, min. 60), Borja Martínez e Gabarre (Naranjo, min. 74).

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Paris Adot, min. 88), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Mella (Cayarga, min. 88), Hugo Rama (Rubén López, min. 80), Yeremay e Barbero (Davo, min. 84).

Goles: 1-0 Borja Martínez (min. 19); 1-1 Barbero (min. 24); 1-2 Barbero (min. 47); 1-3 Yeremay (min 57).

Árbitro: Alejandro Morilla Turrión (c. navarro). Cartón amarelo a Fran Tena (min. 42), Borja Martínez (min. 72), Yeremay (min. 90+4) e Alastuey (min. 90+4).

Incidencias: partido correspondente á 32ª xornada do grupo 1 Primera Federación disputado no Estadio Pinilla ante 2.927 espectadores, con ao redor de medio milleiro de deportivistas nas bancadas.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK