O Deportivo gañou por 1-3 este domingo 16 de novembro ao Córdoba CF no Bahrein Victorious Nuevo Arcángel en partido correspondente á 14ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Con este resultado, Os Nosos suman 26 puntos na primeira posición, igualado a puntos co Real Racing Club (2º) e a UD Las Palmas (3º).
Antonio Hidalgo, na sala de prensa, asegurou que "sabiamos o partido ao que viñamos ante un rival que te estresa moitísimo, que non para de atacarte a intervalos, que te somete por momentos. Tes que estar moi concentrado".
Foron baixa para o encontro por lesión Ximo Navarro, Escudero e Bachmann; mentres que o defensor xuvenil Samu foi o representante de ANOSACANTEIRA.
A tarde foi especial para dous futbolistas branquiazuis con pasado cordobés: Miguel Loureiro, con dúas temporadas (2017-18 e 2018-19) no Nuevo Arcángel; e Eric Puerto, que militou 8 campañas desde infantís até o filial.
Pola súa banda, o Córdoba CF chegaba ao choque 8º na táboa con 20 puntos.
No seu campo esta temporada os blanquiverdes non perden desde o 24 de agosto, cando foron derrotados por 1-3 pola UD Las Palmas.
Antonio Hidalgo dispuxo 2 cambios respecto ao encontro ante a 'Cultu' da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR. Jose Ángel relevou a Gragera no mediocentro mentres que Luismi Cruz a Mella no carril dereito.
O encontro arrincou con show lumínico no estadio coa sintonía de 'Sarà porché ti amo' de Carolina Márquez ou 'Freed From Desire' de Gala entre outros; pero iso si con temperatura invernal, tormenta eléctrica e choiva, ao máis puro estilo do norte.
E ben o Dépor, moi metido no partido ante un rival do que alertara Antonio Hidalgo os seus bos principios e finais.
O que non arrincou fino foi o colexiado, o madrileño Álvaro Moreno. Deixou sen amoestar incomprensiblemente unha derriba a Yeremay que impediu unha contra do Dépor pero si amoestou xustamente unha entrada a destempo de Arnau Comas.
O primeiro lanzamento entre paus correu a cargo de Álex aos 13 minutos. Atallou ben colocado Germán.
A primeira cabalgada de Yeremay, ao cuarto de hora, acabou cun centro raso á área despexada pola defensa verdibranca.
Fomeyem interpúxose in extremis nun disparo franco de Luismi Cruz após unha boa transición conducida por Yeremay e Eddahchouri. Corría o minuto 23.
O defensor verdibranco fíxose dano na acción e obrigou ao Córdoba CF a facer o seu primeiro cambio.
Pasada a media hora, Fuentes cabecea fóra no primeiro pau un balón centrado desde a banda dereita.
Defendíase en bloque baixo o Dépor dos arreones do conxunto de Iván Ania, que cumpría o seu partido 100 no banco.
Non conseguían Os Nosos neste tramo do partido ganduxar accións de perigo ante un Córdoba CF xa cunha presión alta.
"Houbo momentos na primeira parte que nos custou saír, empuxáronnos moito por dereita e custábanos esa superioridade por fóra", admitiu o técnico deportivista.
Sen contratempos nas dúas áreas chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Antonio Hidalgo relevou a Arnau Comas, amoestado no minuto 7, por Dani Barcia.
Esta vez saíu o Córdoba CF en tromba.
Aos 47 minutos, Theo non precisa unha volea dentro da área que se marcha moi alta.
Volvía o Dépor ao bloque baixo.
Na primeira contra deportivista, Quagliata xuta raso desviado nunha contra lanzada por Luismi Cruz por banda dereita. Foi un respiro para a zaga de Os Nosos.
Germán, ben colocado, repele un duro disparo de Isma Ruiz desde a frontal.
"Cambiamos a Villares por fóra na segunda parte para esas axudas. Fixo un partido incrible. Igualamos o partido", apuntou Antonio Hidalgo na sala de prensa.
Pero o fútbol é un deporte imprevisible. Na primeira xogada trenzada do Dépor case no partido, Yeremay asiste a Quagliata na área e o italiano fusila por alto a Íker Álvarez. Era o 0-1.
Empatou o Córdoba CF por mediación de Lucas Noubi, que mete en propia porta un centro raso desde a banda dereita após xogada de Isaac e Carracedo.
"Cando mellor estabamos chegou o empate", lamentouse o preparador branquiazul.
O colexiado Álvaro Moreno acudiu ao VAR no minuto 71 para revisar un posible penalti a Eddahchouri por agarrón na área a centro de Quagliata de Rubén Alves.
Após velo nas imaxes de televisión, decretou pena máxima coa consecuente amarela para o defensor cordobés, expulsado pois por dobre amoestación.
Yeremay transforma ao Panenka ante o delirio dos deportivistas nas bancadas do Nuevo Arcángel.
O adestrador deportivista viu "agarrón pero logo está na interpretación do árbitro a intensidade".
Antonio Hidalgo refresca o seu ataque con Mella e Mulattieri por Luismi Cruz e Eddahchouri.
No minuto 81, o disparo de Mella, raso, márchase lambendo o pau dereito da meta do Córdoba CF.
Os andaluces, un equipo atrevido, fóronse con todo arriba e conseguiron encerrar ao Dépor sobre todo a base de accións a balón parado como faltas ou saques de esquina.
"Mesmo cun menos seguiron empuxando", apuntou o técnico deportivista.
No desconto, tivo o empate o conxunto cordobés pero faltou precisión na área pequena nun remate que saíu alto.
Con todo o Córdoba CF envorcado, e no longo desconto, Yeremay asiste a Mella que arrinca desde o seu propio campo e pica o balón sobre a saída de Íker Álvarez para sentenciar o encontro.
Todo o equipo, titulares e suplentes, celebraron o gol e o triunfo xusto baixo a bancada na que se situaba #ANOSAFORZA.
Antonio Hidalgo cualificou o partido como "moi disputado, tolo por momentos, que é ao que che leva o xogo do Córdoba CF. Gañamos a un gran equipo".
Córdoba CF: Íker Álvarez, Álex, Theo (Diego Bri, min. 65), Isma Ruiz, Jacobo Glez., Fomeyem (Sintes, min. 25), Rubén Alves, Fuentes, Isaac, Carracedo (Guardiola, min. 80) e Requena
Deportivo: Germán, Noubi, Arnau Comas (Dani Barcia, min. 46), Loureiro, Quagliata, Villares, Jose Ángel (Gragera, min. 86), Mario Soriano, Luismi Cruz (Mella, min. 78), Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 78)
Árbitro: Álvaro Moreno, do comité madrileño. Amoestou a Arnau Comas (min. 7), Fomeyem (min. 20), Requena (min. 21), Eddahchouri (min. 33), Jacobo Glez (min. 40), Isma Ruiz (min. 40), Loureiro (min. 41), Rubén Alves (min. 53 e min. 73), Villares (min. 84) e Lucas Noubi (min. 90)
Goles: 0-1 Quagliata (min. 59); 1-1 Noubi, en propia meta (min. 66); Yeremay, de penalti (min. 74); 1-3 (min. 90+8)
Incidencias: partido disputado no Bahrein Victorious Nuevo Arcángel, ante 17.123 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de 'Juanetes', xogador do Córdoba CF Genuine e de Claudio Ripoll, presidente da entidade andaluza a principios dos 90
