O Deportivo superou por 2-1 este domingo 8 de febreiro ao Albacete Balompié en partido correspondente á 25ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Con este resultado, Os Nosos suman 43 puntos, situados na 3ª posición de LaLiga Hypermotion.
En rolda de prensa, Antonio Hidalgo lembrou que "a categoría che di que todo está moi igualado e que custa moitísimo gañar partidos"
Debutou Riki, o último reforzo deportivista neste mercado invernal procedente precisamente do conxunto manchego. "Está a coñecernos. Levaba moito tempo cunha tensión que seguramente non é bo e hai que ter coidado porque unha lesión nada máis chegar pódeche penalizar moito de cara ao futuro. É unha opción máis que temos como Villi, Patiño, Gragera. Ten moito pé, moita pausa, leva moito tempo na categoría", comentou o preparador deportivista.
Respecto ao encontro da pasada fin de semana regresou Zakaria Eddahchouri, sancionado ante a Cultural Leonesa.
Por contra xa non estivo o canteirán Rubén López, cedido ao Pontevedra CF até final de temporada.
Bil foi o representante de ANOSACANTEIRA.
Pola súa banda, o Albacete Balompié presentábase en ABANCA-RIAZOR co empuxe da súa gran participación na Copa del Rey, competición na que caeu en cuartos de final o pasado martes por 1-2 ante o FC Barcelona despois de apear por exemplo ao RC Celta e ao Real Madrid.
Antonio Hidalgo realizou dous cambios respecto ao encontro da pasada fin de semana no Reino de León.
Eddahchouri relevou a Mulattieri en punta e Mella a Stoichkov, que "notaba algunha molestia desde León. Durante a semana foi a máis e por precaución decidimos que non era necesario tomar moitos riscos", segundo explicou o técnico branquiazul.
A primeira oportunidade do partido foi para Jefté, que ao minuto de xogo cabeceou fóra no segundo pau en posición moi forzada.
Aos 17 minutos, Mario Soriano non logra xutar con acerto na área nun balón que caeu rebotado da defensa manchega.
Pouco despois, Luismi dispara desde fóra lixeiramente desviado.
O 'Alba' optaba por esperar en bloque baixo e saír en velocidade á contra.
Yeremay abriu a lata no minuto 24 ao disparar raso case desde a frontal da área axustado ao pau esquerdo da meta de Diego Mariño.
"Durante media hora estivemos a un nivel moi correcto sobre todo con balón. Entendemos o que requiría o partido. A partir do 1-0 non estivemos nada ben", recoñeceu o técnico deportivista.
Tentouno Lazo no minuto 38 cun gran disparo ao que respondeu Álvaro Ferllo cunha boa intervención para desviar a saque de esquina.
O Albacete Balompié estirouse e seguiu xutando a porta: Vallejo no minuto 40 e Meléndez no 42. Ambos os disparos fóra por pouco.
Tiña que traballar o Dépor en defensa nesta fase final da primeira metade.
O colexiado do encontro, o castelán-leonés Eder Mallo anulou un gol a Valverde no minuto 44 por falta previa a Mella. Non houbo nin revisión no VAR.
No desconto chegou o segundo do Dépor. Alti mete un gran centro raso ao corazón da área pequena e Javi Villar, no seu intento por despexar, méteo na súa propia portería.
Con 2-0 chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios o Albacete Balompié deu un paso adiante e fíxose co mando do partido.
Antonio Hidalgo comeza a mover pezas. Villares substitúe a Mella, cunha indisposición, e Luismi pasa á banda dereita.
Eddahchouri disparou alto nunha rápida transición deportivista no minuto 61.
Un minuto máis tarde, no outro área, Jogo remata raso lixeiramente desviado.
Obeng, de chilena na área pequena, recorta diferenzas no minuto 63. Os manchegos aproveitaron unha mala saída de balón do Dépor.
Metíase o 'Alba' no partido "e deixaba todo aberto", tal e como subliñou o adestrador do Dépor.
Riki e Mulattieri relevan a Jose Ángel e Eddahchouri.
Agus Medina, no minuto 77, rematou ás mans de Álvaro Ferllo.
O gardameta deportivista salvou o empate no minuto 79 nun disparo raso de Álex Rubio que se coaba.
Sufría o Dépor, esporeado por #ANOSAFORZA, que non deixou de animar.
"Custounos moitísimo saír de aí", recalcou o míster do Dépor.
No entanto, puido matar Yeremay no partido no desconto despois de roubar unha pelota e plantarse ante Diego Mariño pero o seu tiro cruzado marchouse fóra por moi pouco.
Con 2-1 e con festa en ABANCA-RIAZOR concluíu o encontro.
"Sufrir faiche a sensacion de seguir crecendo pero temos que dar un paso adiante no control do partido" concluíu Antonio Hidalgo.
Deportivo: Ferllo, Alti (Ximo Navarro, min. 75), Noubi, Loureiro, Quagliata (Escudero, min. 75), Jose Ángel (Riki, min. 65), Mario Soriano, Luismi, Mella (Villares, min. 53), Yeremay e Eddahchouri (Mulattieri, min. 65)
Albacete Balompé: Diego Mariño, Jogo, Medina, Javi Moreno, Jefté (Obeng, min. 57), Valverde (San Bartolomé, min. 72), Fran Gámez (Lorenzo, min. 85), Lazo (Puertas, min. 57), Meléndez, Javier Villar (Álex Rubio, min. 57) e Vallejo
Árbitro: Eder Mallo, do comité castelán-leonés. Amoestou a Jose Ángel (min. 45), Ximo Navarro (min. 77), Loureiro (min. 79), Puertas (min. 79) e Agus Medina (min. 90+5)
Goles: 1-0 Yeremay (min. 24); 2-0 Javi Villar, en propia meta (min. 45+2); 2-1 Obeng (min. 63)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 23.499 espectadores
