RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor suma ante a SD Huesca "3 puntos que nos dan unha situación moi boa na táboa"

O Dépor superou este venres 19 de setembro á SD Huesca por 4-0 en partido correspondente á 6ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Con 14 puntos na 1ª posición provisional de LaLiga Hypermotion, Antonio Hidalgo recoñece que "estes 3 puntos dannos unha situación moi boa na táboa. Agora hai que seguir empuxando, seguir traballando da mesma maneira sabendo que a dificultade e igualdade na categoría é máxima".

Os Nosos chegaban ao choque na 2ª posición da táboa con 11 puntos despois do triunfo do pasado sábado por 1-5 en Mendizorrotza ante o CD Mirandés.

Foron baixa para o encontro Jose Ángel, que xa fai tarefas co grupo; e Jose Gragera.

Por contra os canteiráns Samu e Kike Fernández foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Antonio Hidalgo optou polo mesmo once co que arrincou o partido ante o CD Mirandés.

O de hoxe foi ademais o último encontro de David Mella antes de incorporarse este luns 22 de setembro á selección española sub-20 que xogará en Chile o Campionato do Mundo da categoría.

O canteirán foi protagonista ao anotar 2 goles na primeira metade. O preparador deportivista respecto diso afirmou que "lle desexamos o mellor. Vai gozar de algo que pasa poucas veces na vida. Nós tentaremos reinventarnos, ver as situacións que temos no cadro e o que mellor se axuste".

Así mesmo, desexa que "David volva canto antes en canto ao éxito, que veremos onde poden chegar. Con esa tranquilidade de saber que vai gozar unha experiencia importante. Alegrámonos por el sabendo que o calendario é complicado para equipos que estamos nesta situación".

Adiantouse pronto o Dépor. Aos 7 minutos Mulattieri faise cun balón en banda dereita, penetra na área e o seu pase ao centro introdúceo na súa propia portería Carrillo con Yeremay presto ao remate.

Tentaron Os Nosos crear máis oportunidades pero os aragoneses taparon ben as vías de acceso a Dani Jiménez.

Á media hora, Villares non precisa a súa cabezada no segundo pau a un balón prolongado no primeiro dun saque de esquina por Loureiro.

Pasada a media hora, David Mella aproveita unha mala cesión de Arribas ao seu porteiro para lograr de vaselina o segundo gol.

E xa no desconto da primeira metade, de novo o futbolista do Dépor bateu a Dani Jiménez após aproveitar un gran pase de Luismi.

Gol psicolóxico posto que os aragoneses nin sacaron de centro.

Con 3-0 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, o partido seguiu coa mesma tónica, con control total do Dépor.

Yeremay proba de lonxe aos 69 minutos e Dani Jiménez atalla con seguridade.

Aos 75 minutos, Eddahchouri logra o seu 5º gol nesta liga que o sitúa na cabeza dos goleadores.

O holandés rouba a pelota na saída de balón a SD Huesca, Yeremay cede a Stoichkov que entra pola esquerda, o gaditano xuta cruzado e o balón vólveo a cazar Eddahchouri no segundo pau para bater de novo a Dani Jiménez.

Os oscenses tentaron reducir diferenzas cunha cabezada de Kortajarena que se foi rozando o pau esquerdo.

Yeremay tivo a súa na recta final noutro contragolpe pero o talentoso atacante deportivista atopouse de novo co porteiro da SD Huesca.

Con ABANCA-RIAZOR facendo a onda, o partido chegou ao seu punto e final.

RC Deportivo: Germán, Luismi (Stoichkov, min. 59), Ximo Navarro (Lucas Noubi, min. 78), Loureiro, Dani Barcia, Quagliata (Escudeiro, min. 70), Villares, Mario Soriano (Patiño, min. 70), Mella, Yeremay e Mulattieri (Eddahchouri, min. 59)

SD Huesca: Dani Jiménez, Carrillo (Toni Abad, min. 46), Íñigo Piña, Sergi Enrich (Portillo, min. 77), Kortajarena, Jesús Álvarez (Lúa, min. 46), J. Alonso (Ro, min. 72), Enol, Ángel P. (Liberto, min. 46), Sielva e Arribas

Árbitro: Miguel González, do comité asturiano. Amoestou a Jesús Álvarez (min. 36), Mulattieri (min. 57) e Sielva (min. 68)

Goles: 1-0 Carrillo, en propia meta (min. 7); 2-0 Mella (min. 33); 3-0 Mella (min. 45+3); 4-0 Eddahchouri (min. 76)

Incidencias: partido correspondente á 6ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 23.415 espectadores. Manuel Ríos Quintanilla 'Manolete', Presidente da Asociación de Veteranos do RC Deportivo, fixo o saque de honra xusta o día no que se cumprían 61 anos desde o seu debut co Deportivo