RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor suma no Carlos Belmonte de Albacete a súa sexta vitoria consecutiva con "un gran partido en liñas xerais"

O Dépor venceu por 0-2 ao Albacete Balompié este sábado 29 de novembro no Estadio Carlos Belmonte en partido correspondente á 16ª xornada.

Con este resultado, Os Nosos suman 32 puntos na 1ª posición, á espera dos partidos deste domingo do Real Racing Club e UD Las Palmas, ambos con 29.

Antonio Hidalgo lembrou a complexidade do Carlos Belmonte ante un rival que "levaba 2 vitorias consecutivas en casa. E coa dificultade que ten vir a todos os campos de Segunda División".

Conclúe que "fixemos un gran partido en liñas xerais". "Hai que darlle valor a sumar de 3, que nesta categoría é moi importante", engadiu.

Foron baixa por lesión Ximo Navarro, Escudero, Daniel Bachmann e Luismi Cruz, este con unha lesión muscular nos isquiotibiais.

Samu e Quique Teijo foron os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria.

Antonio Hidalgo introduciu varios cambios respecto ao encontro da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR.

Villares, que "non se atopaba de todo ben" segundo confesou o adestrador deportivista, deixou o seu sitio a Charlie Patiño; Stoichkov relevou a Mulattieri en ataque; e Arnau Comas a Lucas Noubi, rengueante nun ombreiro despois dunha mala caída na primeira parte do encontro ante o AD Ceuta FC.

Pola súa banda, o Albacete Balompié do ex deportivista Pepe Sánchez, coas baixas de Higino, Agus Medina e Villar, arrincaba o choque en 12ª posición con 19 puntos.

Ao minuto de xogo xa xutou Yeremay a porta nunha rápida transición lanzada por Stoichkov. Sacou abaixo ben Mariño.

Respondeu Pepe Sánchez após un saque de esquina. Germán atallou na mesma raia de gol.

Aos 9 minutos Morci téntao por banda esquerda. O seu disparo estrélase no lateral da rede de Germán.

Os manchegos esperaban no seu propio campo ao Dépor para saír á contra.

Despois dun tramo do partido sen apenas chegadas, pero, iso si, co balón nos pés do Dépor, á media hora unha gran asistencia de Stoichkov, que recibiu o balón de costas, habilitou unha galopada de Mella polo dereita pero o seu centro non atopou rematador. Yeremay non chegou por moi pouco.

Na recta final da primeira metade, Meléndez engancha un remate desde a frontal da área que obriga a Germán a enviar a saque de esquina.

Adiantouse o Dépor nunha gran contra que empezou Arnau no banderín de córner propio. O balón, a gran velocidade, pasa por Mella e Mario Soriano, que mete un gran pase a Stoichkov. O gaditano define con clase ante Mariño.

Co 0-1 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, seguiu o Dépor co balón.

Aínda que a primeira xogada de perigo foi para o Albacete Balompié en banda dereita. O balón acaba nun remate de Riki que desvía con apuros Germán.

Antonio Hidalgo refresca o mediocampo coa entrada de Villares por Patiño.

A pesar do control do partido, a colexiada Marta Huerta, após pasar polo VAR, anulou un penalti que concedera en primeira instancia por derriba de Jose Ángel a un dianteiro albaceteño.

Esa xogada espoleou ao Belmonte e ao Albacete, que esmagou á área deportivista.

"Hai momentos que che estresan. Puxeron a todo o que tiñan no campo, moitísima xente en última liña", subliñou o preparador branquiazul. 

Pero o Dépor matou o partido cunha gran contra de Yeremay que serviu en bandexa o gol a Eddahchouri. O holandés definiu con clase ante Mariño. Corría o minuto 89.

"Soubemos xestionar mellor o balón que outros días", admitiu Antonio Hidalgo certificada a sexta vitoria consecutiva incluída o partido de Copa del Rey en Sámano.

Albacete Balompié: Mariño, Lorenzo (Fran Gámez, min. 75), Jogo, Pacheco, Puertas, Riki, Valverde (Jefté, min. 75), Meléndez (Escriche, min. 62), Morci (Lazo, min. 62), Pepe Sánchez (Carlos Neva, min. 82) e Vallejo

Deportivo: Germán, Loureiro, Arnau, Dani Barcia, Quagliata, Jose Ángel (Gragera, min. 82), Patiño (Villares, min. 66), Mario Soriano (Rubén, min. 90), Mella, Yeremay (Cristian Herrera, min. 90) e Stoichkov (Eddahchouri,  min. 82)
 
Árbitro: Marta Huerta, do comité canario. Amoestou a Barcia (min. 53) e Puertas (min. 84)

Goles: 0-1 Stoichkov (min. 42); 0-2 Eddahchouri (min. 88)

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado no Estadio Carlos Belmonte ante 10.633 espectadores, entre eles case 400 deportivistas