RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor suma uns sufridos 3 puntos en Ipurúa porque "a ninguén se lle pasa pola cabeza gañar en Eibar sen sufrir"

O Dépor empezou esta tarde o mes de febreiro e á vez concluíu cun sufrido triunfo (0-1) en Ipurúa ante a SD Eibar unha extenuante semana con 3 partidos.

"A ninguén se lle pasa pola cabeza gañar en Eibar sen sufrir", declarou Óscar Gilsanz ante os medios de comunicación.

Ademais, o cadro viuse obrigada a afrontar os longos desprazamentos a Tenerife e ao País Vasco, co que á carga física uníronse os case 6.000 quilómetros percorridos por futbolistas e técnicos.

Este resultado deixa ao Dépor con 32 puntos na zona media da clasificación.

O conxunto branquiazul presentouse con dous reforzos no mercado invernal: o dianteiro Zakaria Eddahchouri e o centrocampista Denis Genreau.

Foron baixa Escudero, operado o pasado venres no Hospital Universitario Quironsalud La Luz de Madrid do seu cóbado esquerdo; e Mfulu, con adestramento personalizado a consecuencia dunha molestia nun isquiotibial.

Pola súa banda, o conxunto armero tamén acudiu ao mercado e pechou as contratacións do centrocampista Iván Gil procedente da UD Las Palmas e titular hoxe, Javi Martínez do CA Osasuna, o defensor barcelonista Arnau Comas e o gardameta Álex Domínguez. 

Óscar Gilsanz introduciu até 4 cambios no once inicial respecto ao encontro do pasado mércores no Heliodoro Rodríguez López de Tenerife: Obrador relevou a Petxarroman no lateral zurdo, Dani Barcia a Pablo Martínez no centro da zaga, Gauto a Mella en banda dereita e Barbero a Bouldini na punta de ataque.

A primeira do partido foi para Mario Soriano. Aos 7 minutos sorteou ao seu par con calidade e disparou raso lixeiramente desviado.

Saíu ben o Dépor ao choque, moi atento nas vixilancias e presionando ben á SD Eibar. Os deportivistas teñen un máster neste tipo de partidos sacado no seu paso pola Primera Federación.

Os azulgrana tentaban crear perigo a base de xogo directo, con balóns á área de Helton Leite.

Precisamente o primeiro remate local foi unha falta lanzada directa por Matheus, por encima do traveseiro deportivista. Corría o minuto 21.

Aos 26 minutos Iván Gil non precisou o seu disparo na área despois dunha rápida xogada por banda esquerda.

Ximo Navarro, ao fío da media hora, adiantou ao Dépor nunha longa xogada de ataque deportivista con varios remates sobre a área de Magunagoitia. O lateral iniciou a xogada e logrou empuxar un balón sen dono na área eibarresa. "Chegamos ben até liña de fondo. Tirou Mario Soriano que o tapan ben. Por sorte cae a Barbero, intúo que me cae a min, cáeme e 3 puntos", relata Ximo Navarro na zona mixta".

O Dépor apropiouse da pelota, con longas posesións e unha presión alta cando perdía o balón.

Villares a punto estivo de aproveitar un erro do porteiro da SD Eibar pero o capitán non logrou controlar ben a pelota que o deixou só ante a meta rival.

No único desaxuste defensivo do Dépor Helton Leite, coa cara, repele un man a man de Alkain, que entrara pola súa banda dereita.

Con triunfo momentáneo do Dépor chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, a SD Eibar deu un paso adiante e puxo preto á meta de Helton Leite.

Pascual tentou colocar sen éxito un balón no recanto dereito de Helton Leite no minuto 55.

Aos poucos o Dépor logrou equilibrar de novo o encontro.

Óscar Gilsanz mete frescura no 62 en banda dereita coa entrada de Mella por Gauto "para seguir ameazando a última liña do Eibar e que non estivesen cómodos. Conseguímolo até os últimos minutos onde nos apertaron máis", apuntou o técnico.

Jose Ángel dispara no 64 ás mans de Magunagoitia despois doutra longa xogada de ataque.

Respondeu Alkain para o Eibar ao minuto cun chute raso cruzado.

No minuto 66, Barbero non logra acertar nun bo centro de Ximo Navarro. O balón acaba mansamente nas mans de Magunagoitia.

O Dépor puido matar o partido nunha contra levada por Yeremay, que cede a Mella. Con todo a favor, o canteirán remata moi alto.

Guruzeta proba tamén raso pero Helton Leite atrapa seguro abaixo no minuto 76 e logo, a tiro de Cubero, no 77. Apertaba a SD Eibar no último cuarto de hora de partido en busca da igualada.

Mada remata alto ao recoller un balón na frontal da área.

Óscar Gilsanz dá entrada a Cristian Herrera e Pablo Martínez por Yeremay e Mario Soriano. O Dépor pasou a defensa de 3 centrais.

En rolda de prensa, explicou que "nestes partidos onde estás por diante sempre é probable que falles algunha ocasión ao contragolpe e máis que probable que sufras e que o rival meta toda a carne no asador: moitas puntas, moita xente preto da área".

Advirte que "calquera centro é susceptible de sufrir unha ocasión de gol. Optamos polos 3 centrais non coa intención de defender máis atrás se non de ter superioridade coas 2 puntas que tiña nese momento a SD Eibar. Buscamos tirar un pouco máis altos aos carrís pero neses últimos momentos sempre acabas sufrindo".

Cubero, desde fóra da área, obriga de novo a empregarse a fondo a Helton Leite.

Os últimos minutos foron de presión da SD Eibar. Pascual rematou ao lateral da rede no minuto 85 un centro por banda dereita.

O Dépor soubo sufrir para aguantar o marcador e ademais sen recibir ningún cartón amarelo.

SD Eibar: Magunagoitia, Cubero, Cristian (Arrillaga, min. 82), Alkain, Nolaskoain (Javi Martínez, min. 61), Matheus (Bautista, min. 72), J. Pascual, Iván Gil (Mada, min. 61), Puertas (Guruzeta, min. 72), Arambarri e Arbilla

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador, Villares, Jose Ángel, Gauto (Mella, min. 62), Mario Soriano (Cristian Herrera, min. 81), Yeremay (Pablo Martínez, min. 81) e Barbero (Eddahchouri, min. 70)

Árbitro: Pérez Hernández, do comité madrileño. Amoestou a Bautista (min. 90)

Gol: 0-1 Ximo Navarro (min. 29)

Incidencias: partido correspondente á 25ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en Ipurúa ante 6.102 espectadores, entre eles uns 200 deportivistas