O Fabril recibe este sábado 7 de marzo (YouTube RC Deportivo) ao Rayo Cantabria en partido correspondente á 26ª xornada en Segunda Federación.
O empate da pasada fin de semana nas Eiroas ante o Bergantiños CF deixou ao filial en 2ª posición da táboa con 50 puntos, a 2 do líder, o Oviedo Vetusta.
Manuel Pablo lembra que "todos queremos competir. Cada un busca as súas armas. Nós tamén imos moito ás disputas porque nos gusta a presión alta. Cando vas sempre a un ritmo alto pode haber moitas disputas. Hai golpes pero non espero un partido bronco. Espero un partido competido".
A pesar de estar a pelexar pola primeira posición xa pasado o ecuador da liga, o técnico fabrilista lembra que "estamos en formación. Todos adestran a un bo nivel. Tento dar minutos a xente que non está a xogar tanto porque lla gañan no día a día co seu rendemento diario".
Son baixa Damián Canedo, Manu Ferreiro e Fabi, este con unha escordadura de nocello.
Pola súa banda, o Rayo Cantabria, que a pasada fin de semana superou por 1-0 ao CD Lealtad de Villaviciosa, é 12º con 29 puntos.
Na primeira volta, o partido entre deportivistas e racinguistas disputado no campo municipal de La Planchada, venceron os fabrilistas por 2-3 con 'hat trick' de Bil.
Preguntado polo dianteiro camerunés, que o pasado domingo marcou o seu primeiro gol co primeiro equipo, Manuel Pablo confesa que "está a facer as cousas ben. Gañouse esas oportunidades. Vai ser difícil que o volvamos a ver pero alegrámonos por el e por ese gol que meteu. É un rapaz moi nobre, que esperemos que siga axudando ao primeiro equipo".
Lonxe do seu campo esta temporada o Rayo Cantabria gañou ao Bergantiños CF (3-4); empatou co UP Langreo (2-2), Atlético Astorga FC (1-1), Oviedo Vetusta (0-0), UD Sámano (1-1), Real Valladolid Promesas (1-1), Real Ávila CF (3-3), Gimnástica Segoviana CF (3-3), Marino de Luanco (1-1) e UD Ourense (3-3); e caeu co CD Numancia de Soria (2-1) e CD Lealtad de Villaviciosa (1-0).
O seu técnico, Ezequiel Loza, afirmou que o seu equipo "chega con moita confianza, con moito ánimo despois da vitoria do domingo".
Admite varios baixas pero "niso o equipo está a responder ben. Todos somos importantes, todo o que sae está a facelo moi ben e espero mañá sábado facer un gran partido".
Do Fabril apuntou que "está a facer un ano impresionante. Os seus números son extraordinarios. É un equipo de moita calidade, ben traballado, que xoga moi ben ao fútbol, que mantén a posesión e a partir de aí facer xogar aos de arriba".
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.
O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
