O Fabril concluirá un gran ano 2025 coa visita do Real Ávila CF ao campo Arsenio Iglesias este domingo 21 de decembro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) en partido correspondente á 16ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Os resultados da última xornada, co gran triunfo en Los Pajaritos ante o CD Numancia de Soria por 1-2, deixou ao filial con 28 puntos na 2ª posición da táboa, a 3 da Gimnástica Segoviana CF, líder con 31 puntos.
Manuel Pablo quere que "sexamos reconocibles, ambiciosos, protagonistas. E ás veces necesitamos vitorias como o outro día para que a mensaxe que estás a dar non quede nun baleiro porque non consegues a vitoria", admitiu.
Son baixa para o encontro Damián Canedo; ademais de, loxicamente, os dous futbolistas que se desprazaron a Andorra co primeiro equipo: Bil e Noé.
Tampouco estará Samu, concentrado coa selección española sub-19 nun torneo en Xapón.
O vestiario do Fabril levou unha alegría esta semana co debut de Noé en Copa ante o RCD Mallorca, protagonista ademais do gol do triunfo branquiazul.
O preparador do filial mostrouse "contento sobre todo polo rendemento. A acción do gol foi unha boa xogada de todo o equipo pero (con Bil) saíron moi ben, moi conectados ao xogo, moi metidos, esforzándose, que é o que teñen que facer".
Sostén que "o que lles pedimos aquí é esforzarse. E a partir de aí cada un coas súas condicións. Bil ten moita capacidade de quedar o balón, de darlle continuidade ao xogo e despois está moito en área. E Noé pouco púideno gozar no Fabril por desgraza. Moito no Xuvenil A. Ten unha gran condución, supera liñas e aínda con moita marxe de mellora"
Pola súa banda, o Real Ávila CF, que a pasada fin de semana venceu por 2-1 ao Burgos CF Promesas, é 6º na táboa con 26 puntos.
Lonxe do Municipal Adolfo Suárez, os abulenses esta temporada gañaron ao Atlético Astorga CF (1-3), UP Langreo (1-2), Salamanca CF UDS (1-3) e Marino de Luanco (1-0); empataron co UD Ourense (1-1) e Coruxo FC (1-1); e perderon coa Gimnástica Segoviana CF (1-0) e SD Sarriana (2-0).
O seu técnico, Marc García, fala de "un partido moi atractivo para nós, para eles, para as afeccións. É un escenario moi chulo, un equipazo da ostia. Apetécenos a todos ir xogar alí".
O RC Deportivo activa o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.
O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
