RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril quere "saír forte, a tentar facer o noso xogo" este domingo ás 17:00 en Abegondo ante o Salamanca CF UDS

O Fabril recibe este domingo 21 de setembro ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) en Abegondo ao Salamanca CF UDS en partido correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

O filial conta coas únicas baixas de Hugo Torres e Manu Ferreiro; aínda que recupera a dous futbolistas que estiveron toda a semana en dinámica do primeiro equipo e mesmo convocados ante a SD Huesca: Samu e Kike Fernández.

En rolda de prensa, Manuel Pablo asegura que o seu equipo busca "saír forte, a tentar facer o noso xogo" e lembra que "tentamos saír a todos os partidos a gañalos, a tentar ser protagonistas pero tamén digo que nestas primeiras xornadas estivemos un punto por encima porque levamos máis tempo xogando. Aos poucos esas situacións igualaranse".

Pola súa banda, o Salamanca CF UDS, que a pasada fin de semana derrotou por 2-0 ao Atlético Astorga FC, é 5º na táboa con 4 puntos.

Na súa única saída no que vai de competición, os salmantinos sacaron un punto (2-2) no sempre difícil campo das Eiroas de Carballo.

Pérdese o encontro por lesión Dani Hernández após unha semana con amigable no Anexo do Estadio José Zorrilla ante o Real Valladolid de LaLiga Hypermotion saldado con derrota salmantina por 4-1.

O seu técnico, Jorge García, cre que o Fabril "é un dos equipos mellor preparados da liga, repiten bastante o bloque do ano pasado, repiten corpo técnico. Iso é un punto a favor deles".

Así mesmo, asegurou en rolda de prensa que o Salamanca CF UDS busca "porlle as cousas o máis difíciles que podamos a un Fabril que vén en boa dinámica desde o ano pasado".

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición das localidades nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.