RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

O Fabril recibe este sábado 7 á SD Sarriana co reto de "manter ese nivel" da pasada fin de semana en Oviedo

O Fabril, coa baixa por lesión de Damián Canedo, recibe á SD Sarriana este sábado 7 de febreiro ás 17:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias, en partido correspondente á 22ª xornada en Segunda Federación.

O filial deportivista, co seu empate (1-1) da pasada fin de semana no Requexón ante o Oviedo Vetusta, mantense á fronte da táboa con 2 puntos de vantaxe sobre os carbayones, os seus inmediatos perseguidores.

Manuel Pablo apuntou na sala de prensa do Dépor Training Center esta mañá que "fixemos moi bo partido alí. O que temos que tentar facer é manter esa liña o máximo que poidamos. A nivel competitivo, de esforzo, de fútbol fixemos moi bo partido. Agora está nas nosas mans manter ese nivel".

O técnico fabrilista viu no Requexón "un partido moi competitivo. Dominamos bastante pero non puidemos levarnos os 3 puntos. Ese nivel que ofrecemos o outro día temos que metérnolo na cabeza".

Pola súa banda, o conxunto lucense, recentemente ascendido, é 11º con 25 puntos após a derrota por 2-3 o domingo 1 de febreiro ante o Real Valladolid Promesas.

Na primeira volta disputada na Ribela o pasado 30 de novembro houbo empate a un gol. Adiantouse o equipo local no minuto 29 e empatou Bil desde o punto de penalti xa na segunda metade.

A SD Sarriana, lonxe do seu campo, gañou á UD Sámano (1-2), UP Langreo (0-2) e Burgos CF Promesas (0-2); empatou co Marino de Luanco (1-1); e caeu co Oviedo Vetusta (3-2), Gimnástica Segoviana CF (1-0), Salamanca CF UDS (2-1), Real Valladolid Promesas (3-0), Rayo Cantabria (2-0), UD Ourense (1-0) e CD Lealtad de Villaviciosa (3-1).

Nesta última semana do mercado de fichaxes, o rival do Fabril reforzouse co atacante Íker Escudero, que chega cedido do Pontevedra CF; e o central andaluz Juanan Toro, procedente do Ejea. 

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias para o partido.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web ticketing.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en ticketing.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. 

O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.