Alejandro Alfaro Cascales 'Alex Alfaro' (15 de xuño de 2002, Alicante) é a principal novidade da lista de convocados do Fabril para recibir mañá sábado 7 de xaneiro en Abegondo (18:00 horas, TVG-2 e Youtube RC Deportivo) ao Real Oviedo Vetusta no primeiro partido do ano novo do grupo 1º de Segunda Federación.
Este mediocentro formado na canteira o Elche CF e cuxo último club foi o UD Alzira tamén de Segunda Federación, no que esta temporada xogou 14 partidos e anotou un gol, asinou por dúas temporadas e xa se adestrou esta mañá en Abegondo cos seus novos compañeiros.
Sabe o que é debutar en Primera División co conxunto ilicitano, xa que disputou 14 minutos ante o Real Betis o 15 de agosto de 2022.
Ademais do reforzo de Álex Alfaro, Óscar Gilsanz poderá contar con Kevin e por suposto con Iano Simão dos futbolistas que traballan habitualmente co primeiro equipo. Martín Ochoa, lesionado; e Mella e Rubén López, con minutos ante a Real Sociedad B o pasado xoves, estarán o luns ás ordes de Imanol Idiakez no Dépor.
Xa o advertiu onte en rolda de prensa o adestrador do filial, posto que o feito de non haber liga para o Dépor "é unha oportunidade para ter o máximo número de xogadores posibles respecto doutras convocatorias".
Tamén subliñou Óscar Gilsanz que os futbolistas regresaron das vacacións "con esas ganas de volver ter esas boas sensacións que che dá o día a día, que che dá o adestramento. Estou moi contento co traballo do equipo estes días".
Iso si, caen da lista Brais Val, sancionado cun partido por acumulación de amoestacións; e Diego Gómez, de baixa.
Completan a convocatoria fabrilista os xuvenís, ademais de Kevin, Manu Berrocal e Rubén Fernández.
A última xornada de 2023, coa derrota en Pasarón ante o Pontevedra CF (4-1), deixou ao filial en 13ª posición con 17 puntos.
Pola súa banda, o Real Oviedo Vetusta, que na última xornada igualou no seu campo (0-0) co Ourense CF, é 16º na táboa cun punto menos, 16.
Lonxe do seu campo esta temporada os carbayones non lograron gañar aínda, posto que empataron coa RS Gimnástica de Torrelavega (1-1), UP Langreo (0-0), CD Guijuelo (1-1) e Arandina CF; e caeron co Pontevedra CF (3-0), Zamora CF (3-0), Rayo Cantabria (5-1) e SD Compostela (1-0).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de Abegondo.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
