O RC Deportivo pechará neste mes de setembro a súa campaña de abonos para a temporada 2023/2024. O club deixará aberta a posibilidade de incorporar novas altas con localidade asignada até o vindeiro venres 22 de setembro, día previo ao partido de liga fronte ao Cornellá no estadio ABANCA-RIAZOR, até as 19.06h de forma presencial e até as 23:59h online.
No caso das renovacións con localidade asignada, o prazo terminará o venres 29 de setembro ás 19.06h. Unha vez finalizada a campaña de abonos, non será posible asignar novos asentos e activarase un sistema de lista de espera en https://rcd.lc/listaaltas de cara á seguinte temporada 2024/2025. Despois deste prazo si seguirá aberta a inscrición e renovación presencial e online para modalidades como socio amigo ou nen@ Dépor, para seguir sumando apoio ao club.
Por outra banda, o RC Deportivo porá en marcha desde o partido contra a Celta Fortuna, o próximo 8 de outubro, a posibilidade de que todas as persoas abonadas que non vaian acudir ao estadio poidan liberar o seu asento. Ademais, no caso de que a bancada na que se sitúa o asento liberado rexistre un cheo e esgótense as entradas, e o asento liberado sexa adquirido por outra persoa, o titular terá un desconto no abono da seguinte campaña equivalente ao 50% do prezo pago pola entrada. Estes descontos son acumulables até un valor equivalente ao total do abono.
O RC Deportivo quere agradecer a extraordinaria resposta da afección deportivista nesta temporada 2023/24, que pasou todas as expectativas e que supón un respaldo imprescindible para seguir avanzando nos nosos obxectivos comúns.