RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo recibe a sentenza favorable do xulgado para pagar de inmediato a débeda aos seus acredores, paso previo á saída do concurso

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña comunicou ao RC Deportivo a sentenza favorable que aproba a modificación do convenio de acredores, polo que o club poderá pagar de inmediato a totalidade dos créditos recoñecidos aos acredores concursais, tanto no referente á débeda ordinaria como á subordinada, cunha quita do 19,99%. Este é un paso fundamental para a conclusión do concurso de acredores, prevista para este mesmo verán.

A proposta do RC Deportivo obtivo previamente o respaldo da maioría dos acredores, sen ningunha oposición. Co convenio até agora vixente, estes terían que esperar oito anos, até 2031, para percibir os seus créditos no caso da débeda ordinaria e dezasete anos máis, até 2048, no caso da subordinada. Agora, coa sentenza favorable que estima a proposta de modificación do convenio, cobrarán de inmediato os seus créditos unha vez esta sentenza sexa firme, circunstancia que se producirá aproximadamente en 30 días. Para iso, o RC Deportivo aprobou na súa última Xunta de Accionistas, o pasado mes de decembro, a solicitude dun crédito de 17 millóns ao seu máximo accionista, ABANCA, apoio fundamental do club para a inminente saída do concurso de acredores.

O obxectivo do RC Deportivo é concluír o concurso canto antes para sanear as súas contas e tamén para mellorar as condicións deportivas no seu regreso ao fútbol profesional. En caso de ascenso, non estar en situación de concurso permitiría a medio prazo afrontar unha competición profesional con menores limitacións no tope salarial e por tanto na capacidade para realizar fichaxes.