Como manifesta o propio presidente do club, Juan Carlos Escotet, as familias "xogan un papel esencial no desenvolvemento dos novos futbolistas". E sen ningún lugar a dúbidas son un dos alicerces fundamentais do proceso formativo dos novos talentos que día a día se desenvolven en Abegondo.
Nesa dirección, o RC Deportivo reuniu esta semana aos canteiráns branquiazuis e ás súas familias nas xornadas Canteira DÉ.
Estas xornadas estiveron adaptadas por idades e celebráronse no Auditorio ABANCASeguros (alevíns e benxamíns), e no Auditorio Afundación (infantís, cadetes, xuvenís e Fabril). En total, asistiron máis de 500 persoas entre canteiráns, familias, técnicos, formadores, conselleiros, directores e resto de persoal do RC Deportivo.
Cada evento estivo dividido en tres partes; o saque inicial realizouno Massimo Benassi, conselleiro delegado do Club, quen agradeceu o apoio das familias e resaltou que "é un orgullo ver o traballo que leva a cabo en Abegondo e o proceso de mellora continua na instalación". De aí deuse paso aos membros da Delegación de Participación Cidadá da Policía Nacional, responsables do Plan Director pola seguridade e a convivencia nos centros educativos e as súas contornas.
Acto seguido, comezou o primeiro tempo cunha charla levada a cabo por Angel Chavarría (Compliance Officer do Club) sobre "Contorna Segura e Normativa de menores".
A continuación, chegou a quenda do director de fútbol formativo do Club, Ismael Arilla, que presentou o modelo de traballo e situación actual do Proxecto de Canteira do RC Deportivo, momento no que as familias puideron coñecer tanto as melloras en instalacións, como en medios e os obxectivos principais do proxecto de canteira do Club.
Paralelamente, os mozos deportistas asistiron a uns talleres (dirixidos pola Policía Nacional) adaptados á súa idade xunto aos seus adestradores, onde se abordaron temáticas como o respecto, as redes sociais, o acoso, a privacidade, apostas, adiccións...
No tempo de desconto, todas as familias, xogadores, corpos técnicos, persoal de Abegondo e conselleiros puideron compartir un aperitivo en familia e fotografarse cos canteiráns do primeiro equipo.
Ás xornadas asistiron a vicepresidenta Michelle Clemente; o conselleiro delegado Massimo Benassi; os conselleiros Marta Fernández Currás, Vicente Fernández, Carlos Ballesta e Benito Couceiro; o director de fútbol Fernando Soriano; a responsable da área conductual e motivacional, Joaquin Sorribas; a responsable da área condicional, Roberto Cabellud; e os canteiráns do primeiro cadro David Mella, Dani Barcia, Diego Villares, Diego Gómez, Yeremay Hernández e Hugo Rama.
Presidindo todo o evento, dous dos trofeos máis importantes do Club: a Liga gañada no ano 2000 polo primeiro equipo e a Copa de Campións de xuvenís de 2021. E nunha preciosa vitrina, o obxecto máis desexado polos máis de 200 novos futbolistas deportivistas: a chaqueta branquiazul 'Canteira DÉ', que só posúen os canteiráns que chegan a formar para do primeiro cadro do Real Club Deportivo. Un soño para o que TODOS traballamos en familia.