RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O vestiario márcase para estes 5 últimos partidos o "seguir collendo boas sensacións"

Diego Villares e Iván Barbero atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de El Sardinero.

O capitán deportivista admitiu que "cometemos certos erros que nos penalizaron bastante e o partido púxosenos costa arriba con ese 2-0. Na segunda parte estivemos moito mellor, tivemos máis control, máis peso no partido. Unha pena non poder empatalo polo menos".

Lamentouse de que o gol de Denis Genreau "non puidese chegar antes e que tivésemos máis minutos para buscar o empate".

Confesa que "o vestiario está fodido agora pero durante a semana teremos tempo para analizar máis fríamente e para pensar no vindeiro domingo", coa visita do Albacete a ABANCA-RIAZOR ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion).

Finalmente Diego Villares manifestou que nestes 5 partidos que quedan "hai moita xente que está a desexar ter minutos, e como equipo mellorar e seguir collendo boas sensacións".

Pola súa banda, Iván Barbero opina que "eles estaban ben plantados atrás e esperaban os nosos erros para penalizarnos. Agora temos que seguir mellorando eses detalles pero estamos fodidos porque estabamos mentalizados e traballamos toda a semana para sacar os 3 puntos de aquí".

Explica que na segunda parte "saímos a marcar un gol rápido que nos metese no partido. Non foi así. Chegou un pouco máis tarde. Aínda así os puxemos en aprietos pero non nos deu tempo para máis".

O dianteiro deportivista pide "nestes partidos que quedan dar o máximo porque defendemos un escudo moi grande. Temos que estar á altura en cada partido e deixar boas sensacións, que é bo para todo".