RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
Xuvenil-A

O Xuvenil A, con Kevin e Mardones na lista, xógase mañá en Mallorca o seu pase á final a catro da Copa del Rey

O Xuvenil A mídese ao Real Mallorca nos cuartos de final da Copa del Rey, a partido único, mañá mércores 14 de febreiro ás 19:00 en Son Bibiloni, Ciutat Esportiva Antonio Asensio.

O vencedor desta eliminatoria clasificarase para a final a catro prevista do 6 ao 10 de marzo nunha sede por determinar. Sería a segunda consecutiva para os branquiazuis en caso de superar esta rolda posto que a campaña pasada a UD Almería eliminou ao Dépor en semifinais en León.

Os branquiazuis, que chegan ao partido após derrotar (1-0) ao Coruxo FC en liga en Abegondo o pasado sábado, superaron nesta edición ao Athletic Club (0-1) e á UD Las Palmas (3-1).

Na competición da regularidade os deportivistas son terceiros na táboa do grupo 1º da División de Honra con 42 puntos, a 5 do Real Racing Club, líder con 47.

Son baixa os lesionados Hugo Villaverde, Pablo Parada, Carletto e Pablo García. Prometeu Manuel Pablo en rolda de prensa que "cos que están imos ser competitivos porque hai materia prima. No Xuvenil B tamén hai rapaces que están a destacar".

O Xuvenil A si poderá contar con Kevin, autor de 2 goles ante o CD Covadonga a pasada fin de semana, e con Mardones, ambos en dinámica do Fabril. 

De feito, sobre o atacante internacional, o técnico deportivista indica que "o vexo ben, do mesmo xeito que outros xogadores que están no primeiro equipo. Véxoos con fame, que queren. Kevin é outro que quere. Debutou xa co Deportivo, tivo a sorte de meter un gol. É o que demostra cada fin de semana, esforzo, ganas de querer crecer. Oxalá fosen máis, oxalá puidésemos subir máis xente".

Os convocados para a Copa son os seguintes: Román, Rodrigo, Carreira, Dani Estévez, Álvaro, Domínguez, Guerrero, Álex Delgado, Noe, Amin, Ayman, Manu Ferreiro, Martiño, José Rey, Samuel Vázquez e Javi Casanova.

Completan a citación Samuel Fernández e Héctor, do Xuvenil B.

A expedición viaxa hoxe martes a Mallorca vía Madrid (na foto no Aeroporto da Coruña) e nada máis chegar ás Baleares, Manuel Pablo dirixirá unha última sesión de traballo.

Pola súa banda, os mallorquinistas superaron en dezaseisavos ao Arucas CF-98 (5-1) e en oitavos ao Villarreal CF (1-2). "Sabemos que vai ser un rival difícil. Haberá momentos para un e para outro. Temos que manexarnos ben. É un equipo con moita mobilidade, gústalle ter o balón e estes equipos, tanto eles como nós, cando non tes moito o balón sofres porque non están afeitos a non telo", comenta o preparador branquiazul.

En liga, o equipo balear, co seu triunfo do pasado sábado (2-0) ante o Girona FC, é 2º na táboa do grupo 3º con 44 puntos, os mesmos que o RCD Espanyol, que marcha líder.

En Son Bibiloni esta temporada gañou na División de Honra 7 partidos, empatou 1 e perdeu 2, con 15 goles a favor e tan só 6 en contra.