RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
Xuvenil-A

O Xuvenil A enfróntase ao Athletic Club nos oitavos de final da Copa del Rey

O Xuvenil A, que o pasado sábado se impuxo por 3-0 en Abegondo ao Sporting de Gijón nos dezaseisavos de final da Copa del Rey, enfrontarase en oitavos ao Athletic Club.

Os vascos, pola súa banda, superaron na primeira eliminatoria por 5-1 ao Danok Bat Club de Fica.

O Athletic Club lidera o grupo 2º da División de Honra con 40 puntos mentres que o Xuvenil A de Miguel Figueira é 2º do grupo 1º tamén con 40 puntos.

Precisamente os branquiazuis son o único sobrevivente dese grupo 1º na Copa posto que o RC Celta, Sporting de Gijón, Real Oviedo e Real Racing Club caeron eliminados.

Do mesmo xeito que na primeira rolda, a eliminatoria de oitavos de final será a partido único en Lezama, tal e como ditaminou o sorteo da competición celebrado na sede da RFEF o pasado 20 de decembro.

Athletic Club e Dépor (na foto da noticia) víronse as caras tamén en Lezama nos dezaseisavos de final da edición copeira da temporada pasada. O equipo dirixido por Manuel Pablo apeou aos branquivermellos por 0-1, con gol de Dani Estévez. Tiveron minutos neste partido os hoxe fabrilistas Mardones, Pablo García, Manu Ferreiro, Carreira, Guerreiro e Noé.