RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
Xuvenil-A

O Xuvenil A, que fallou un penalti con 0-0, dobra o xeonllo na prórroga ante o Sevilla FC en cuartos de final da Copa de Campións

Do mesmo xeito que sucedese en Copa del Rey, neste caso contra o Real Mallorca na quenda de penaltis, o Xuvenil A quedou a un paso da Final Four da Copa de Campións ao perder (2-0) na prórroga co Sevilla FC no Estadio Jesús Navas da cidade deportiva sevillista no partido de volta de cuartos de final.

Despois do 0-0 da ida disputada o pasado domingo en Abegondo, o pase decidiuse na capital andaluza en 120 minutos de poder a poder.

Foron baixa por lesión nos branquiazuis Dani Estévez e Hugo Villaverde; aínda que o Xuvenil A recuperou a Noé, sancionado no partido de ida. 

Tampouco estivo Amin Mustapha, que hoxe domingo se concentrou coa selección de Marrocos sub-20 para disputar dous partidos amigables ao longo da semana contra a República Democrática do Congo.

O Sevilla FC chegaba ao choque sen perder ningún partido esta temporada no grupo 4º da División de Honra, cun total de 28 partidos gañados e 6 empatados. Ademais, unicamente encaixaron 15 goles na liga.

Tal e como sucedese en Abegondo, o partido arrincou moi igualado.

Nas botas do deportivista Carreira estivo a primeira ocasión, pero o seu disparo foise alto aos 10 minutos.

Pronto aceleraron os andaluces cunha presión alta, aínda que, iso si, sen crear ocasións claras.

Cun último achegamento fabricado entre Mardones e Pablo García chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios o partido foi para o Xuvenil A, que dispuxo de até 4 ocasións claras para marcar.

A mellor do partido foi nunha longa xogada de ataque deportivista, con tiro ao pau incluído de Domínguez, que conclúe cun claro penalti sobre Pablo García.

Kevin asume a responsabilidade pero o seu lanzamento sácao o porteiro sevillista co pé (na foto da noticia). Corría o minuto 61.

Foi a gran oportunidade de porse por diante no marcador e quen sabe se non cambiar o rumbo da eliminatoria.

Así concluíu o tempo regulamentario.

Na prórroga o Sevilla FC mellorou as súas prestacións, aproveitouse quizais do cansazo dos branquiazuis e levou a eliminatoria con dobrete de Íker Villar nos minutos 96 e 114.

Xuvenil A: Román, Hugo Torres, Vilela, Samuel, Carreira, Mardones, Noé, Kevin, Domínguez, Guerrero e Pablo García. Tamén xogaron: Manu Ferreiro, Lucas, Zoe, Álex Delgado, Ayman e Pablo Parada.

Completaron os cuartos de final da Copa de Campións estes partidos:

Real Betis Balompié 2 - UD Las Palmas 0. Na ida: 0-3 favorable aos béticos

Atlético de Madrid 2 - UD Levante 1. Na ida: 1-1

RCD Mallorca 2 - Athletic Club 0. Na ida: 1-0 favorable aos vascos

 

 

/* Bot imbee */