O Xuvenil A caeu (1-0) esta tarde en Lezama ante o Athletic Club nos oitavos de final da Copa del Rey.
Os branquiazuis, que eran os únicos sobreviventes do grupo 1º da División de Honra no torneo, apearon en dezaseisavos de final ao Sporting de Gijón (3-0) mentres que os vascos superaron ao Danok Bat Club de Fica (5-1).
O conxunto que dirixe Miguel Figueira, que lidera provisionalmente o grupo 1º da División de Honra con 46 puntos aínda que o RC Celta ten 45 e un partido menos, viña de golear (6-1) ao Arosa SC en liga.
Pola súa banda, o Athletic Club, que venceu en Lezama o pasado sábado (2-0) ao Antiguoko, lidera o grupo 2º cos mesmos puntos que os deportivistas: 46.
Existía un precedente entre ambos os equipos na edición copeira da temporada pasada. O 7 de xaneiro de 2024 o Dépor venceu (0-1) en dezaseisavos aos branquivermellos cun tanto de Dani Estévez aos 18 minutos de partido.
Miguel Figueira puido contar con futbolistas que están en dinámica do Fabril, caso de Guerrero, Pablo García ou Manu Ferreiro; debido a que o filial non xogou a pasada fin de semana ante a SD Compostela debido ao temporal.
A primeira metade acabou sen goles aínda que quizais o Xuvenil A foi mellor en moitos minutos ao Athletic, con chegadas de Dipanda ou Guerrero.
"A primeira media hora estivemos a un gran nivel. Superamos a súa presión tanto en curto como en balóns longos", afirmou Miguel Figueira.
O técnico admitiu non obstante que "o tramo final da primeira parte foi máis igualado".
Após o paso polos vestiarios, o preparador deportivista indica que "fomos totais dominadores do balón pero eles defenden ben a área e tentan saír con balóns longos á contra", resumiu Miguel Figueira.
Así, as ocasións sucedéronse, case todas na área branquivermella.
No minuto 51, Rubén cruzou excesivamente o balón nun un contra un co porteiro rival. O dianteiro deportivista estaba algo escorado.
Un minuto máis tarde, Dipanda xutou alto noutra boa chegada deportivista xusto antes de ser relevado por José Rey.
Pouco despois Pablo García téntao após un roubo pero o lateral branquiazul quedou sen ángulo para facer dano.
O Dépor era o dono do partido ante un Athletic Club acazapado na súa área.
Rubén remata desde a frontal noutra transición pero o balón repéleo un defensa a saque de esquina.
Respondeu o Athletic nun remate de Albizu que atalla seguro a meta Álex.
Álvaro, nun dobre disparo, a punto estivo de marcar após un saque de esquina. Simón García, porteiro branquivermello, foi o salvador.
Rubén, a centro de Pablo García, cabecea no minuto 64 ao traveseiro da portería do Athletic.
Todo iso nos primeiros 20 minutos da segunda parte.
Pouco despois un chute de José Rey noutro contragolpe sácao un traseiro bilbaíno baixo paus, co porteiro xa batido. O posterior intento de Guerrero márchase alto.
Albizu era o xogador máis perigoso dos vascos. Volveu rematar no minuto 67. O seu disparo márchase fóra por pouco.
No córner, após un erro defensivo, a punto estivo de marcar en dúas ocasións en área pequena Unamuno.
Foi precisamente o capitán do Athletic o que anotou o gol do triunfo e da eliminatoria ao aproveitar "un erro illado nun balón parado", tal e como explicou o adestrador deportivista. Corría o minuto 76.
Os últimos compases foron de dominio total do Xuvenil A con centros desde as dúas bandas. Faltou fortuna e quizais algo de precisión para polo menos conseguir unha igualada máis que merecida.
Xuvenil A: Álex, Pablo García (Mario, min. 69), Hugo Torres, Samu (Adrián, min. 46), David (Nico Ruiz, min. 81), Álvaro, Guerrero, Lucas (Daniel, min. 81), Rubén, Manu Ferreiro e Dipanda (José Rey, min. 52)
