RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os números avalan a Fernando Vázquez cando asegura que a forma de defender o balón parado "é boa"

Finalizado o partido do pasado domingo en La Romareda, consumada a primeira derrota nos últimos 71 días de competición, Fernando Vázquez aseguraba ante os medios de comunicación que "a forma de defender o Dépor o balón parado é boa porque produce estatisticamente resultados".

Onte, Sabin Merino referiuse a este tema na sala de prensa: "Ao final é como todo, cando as cousas van ben, se encaixamos goles de estratexia ninguén diría nada da forma de defender. Agora é verdade que levamos 4 goles encaixados a balón parado nos 2 últimos partidos e é normal que se fale. Hai que ter claro que toda maneira de defender ten o seu lado positivo e os seus riscos. Ter claro que o fixemos ben na maioría de partidos e que podemos seguir facéndoo".

Pois ben, os números, como asegura o técnico deportivista, dan a razón ao equipo, tal e como demostran as estatísticas que manexa o corpo técnico de Fernando Vázquez procedentes de InStat Scout.

Así, desde o encontro ante o CD Numancia en Los Pajaritos do pasado 5 de xaneiro até o do Real Zaragoza o domingo 23 de febreiro, en total 8 partidos saldados con 6 vitorias, 1 empate e 1 derrota, os branquiazuis anotaron un total de 4 goles a balón parado sobre un total de 52 accións: en Soria, Alcorcón e ABANCA-RIAZOR ante Real Racing Club e UD Las Palmas. Esas dianas supuxeron un total de 15 puntos a favor.

Nesta serie de partidos, o Dépor, sobre un total de 93 xogadas en contra, recibiu 4 goles, 2 no partido ante o Girona FC en ABANCA-RIAZOR e 2 no partido de La Romareda, ante dous dos grandes de LaLiga SmartBank; o que supuxo a perda de 5 puntos.

Nas xogadas a balón parado, os técnicos branquiazuis diferencian saques de esquina, faltas (directas e indirectas) e penaltis.

En 8 partidos, os deportivistas lanzaron 25 saques de esquina e marcaron 2 goles; e defenderon un total de 56 e recibiron 2 tantos.

En faltas, os pupilos de Fernando Vázquez lanzaron 27 e 2 delas acabaron en gol; e en 35 en contra só encaixaron 1.

Finalmente de 2 penaltis sinalados na área deportivista, Dani Giménez parou 1 en Albacete que significou finalmente o triunfo branquiazul; e non puido deter o de Stuani en ABANCA-RIAZOR ante o Girona FC, que valeu unha igualada final.

No Estadio Carlos Belmonte albaceteño, por exemplo, o conxunto deportivista defendeu con éxito un total de 20 accións a balón parado do rival, entre saques de esquina, faltas e a citada pena máxima.

Así pois, as matemáticas avalan o traballo defensivo e ofensivo do Dépor nesta faceta do xogo que cada vez ten máis importancia, sobre todo nunha competición tan igualada como LaLiga SmartBank.