RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz advirte que hai "moita marxe de mellora aínda" e ve ao Dépor "crecendo sobre todo a nivel competitivo"

Óscar Gilsanz manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar "moi contento cos xogadores que temos aquí. Díxeno despois dunha vitoria, despois da derrota co Levante UD porque creo que fixemos un moi bo partido e dígoo agora despois dunha segunda parte non boa, peor ou mala en Tenerife".

O técnico deportivista cre que "temos moita marxe de mellora aínda" e pensa que "o equipo está a asumir ben a filosofía que nós queremos, que é ser competitivo en calquera situación, ante calquera rival, que teña armas para saír das presións que che xera o rival".

Ve ao Dépor "crecendo nese aspecto e sobre todo a nivel competitivo. Até agora o equipo sempre competiu ben, mesmo antes de chegar eu; pero queremos que sexa un equipo ao que os rivais lle custe moito gañar. Moitos momentos defende xunto, defende ben e fáltanos un pouco de profundidade no último terzo, de determinación".

Lembra Óscar Gilsanz que "levamos 4 partidos en 2025. Fixemos moi bo partido en Málaga, co Levante UD. Fixemos o partido que tiñamos que facer en Burgos e a primeira parte de Tenerife tamén. Os resultados son mellorables? Por suposto. O nivel do equipo é mellorable? Por suposto. O reto témolo".