RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz declara o estado de optimismo, "convencidos de poder competir contra calquera rival"

Óscar Gilsanz mostrouse esta mañá "optimista" ao asegurar que "estamos nun momento no que estamos convencidos de poder competir contra calquera rival. Imos con esa ilusión", en referencia ao partido no Estadio Carlos Tartiere de Oviedo este domingo 2 de marzo ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion).

O técnico deportivista apunta que "estamos a traballar en adaptarnos a calquera escenario que nos expoña o rival porque esa é a maneira de ser estables no día a día, na competición".

Do Real Oviedo lembra que "está colíder co Elche CF, vai ser dunha dificultade moi alta para nós. Á parte está nun bo momento de forma en canto a puntos, en canto a unha traxectoria ascendente". "É un rival dos mellores da categoría. Así o indica a clasificación e o xogo. É un equipo capaz de propor pero destaca pola súa capacidade defensiva, por encaixar poucos goles. Vai ser moi complicado porque é un rival moi completo no xogo e no rendemento", engade.

O preparador branquiazul móstrase satisfeito "co día a día; con que non hai baixas; e sobre todo con que todos os xogadores traballan a un ritmo moi alto, e iso fai que o equipo sexa capaz de traballar nesa estabilidade que buscamos".

Neste sentido quere un Dépor "estable, capaz de xogar en diferentes contextos de partido: apertar a un rival en campo contrario; cando o rival che obriga a ceder uns metros, a defender preto da área sen porse nervioso... Esta categoría obrígache a ser moi completo en todas as facetas do xogo".

Reitera Óscar Gilsanz en valorar "o esforzo dos xogadores, que están ao seu mellor nivel, non se se ao seu mellor nivel de sempre, pero si a moi bo nivel para ser capaces de ir mellorando cada día nunha categoría na que moitos están a debutar ou veñen doutras ligas".