RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz: "Era un ano de buscar estabilizar o proxecto, un proxecto que necesita bases sólidas"

Óscar Gilsanz subliña que esta temporada "era un ano de buscar estabilizar o proxecto, un proxecto que necesita bases sólidas. A pesar deste último mes a temporada foi boa. Até a xornada 38 competimos moi ben e fomos capaces de ter unha xeira de resultados e un ritmo de puntuación moi alto. É certo que unha vez conseguidos eses 53 puntos o equipo non estivo á altura neste último mes".

Lembra a súa chegada ao banco do Dépor, hai 7 meses, "nunha situación moi delicada, en postos de descenso, para ver se eramos capaces de darlle continuidade a un bo traballo e reconducir algunhas outras cousas que viamos. O equipo tivo momentos moi bos, outros non tan bos. E este momento cunha sensación rara porque levamos 4 derrotas seguidas, que nunca tivemos 2 derrotas consecutivas. Hai que facer unha valoración global e a miña valoración global a como son eu, a como encarei esta encomenda do Club, é que estou moi contento".

O técnico deportivista valora o respaldo de #ANOSAFORZA ante o Elche CF: "19.000, que para un partido como o de hoxe (por onte) é moita xente. A afección sempre está detrás e vén ver gañar ao equipo. E non temos nin unha soa queixa. Todo o contrario. Para nós xogar en ABANCA-RIAZOR é un aliciente, unha ilusión. Hai unha ilusión especial cada vez que xogamos aquí. O que pasa é que os rivais tamén xogan, ás veces non che deixan, non es capaz e supéranche. Hoxe (por onte) o rival foi mellor que nós, é mellor equipo que nós. Hai unha diferenza entre o Elche CF e o Deportivo agora mesmo no campo. Agora mesmo está en Primera División e nós temos que seguir traballando para iso".

Reflexionou así mesmo sobre a titularidade de canteiráns como Guerrero ou Kevin: "Cando un xogador da canteira, do filial ou do xuvenil, entra no primeiro equipo é porque ten unhas condicións. Neste Club estamos a ver que a canteira ten que ter un papel predominante, protagonista no futuro do propio Club. Entón deben de aparecer, débese confiar".

Nesta liña, advirte que "coa aparición de xogadores como Yeremay ou Mella parécenos que os procesos se aceleran rapidísimo, que os xogadores pasan de xogar no filial a ser determinantes no primeiro equipo. E normalmente non é así. Fai falta un período de adaptación ao ritmo, aos rivais, ao equipo... Iso é un proceso normal ou habitual".

Así pois, considera importante "non pedirlle aos futbolistas do filial que o primeiro día esteamos a facer contas de cantos goles van meter a seguinte temporada ou que importantes van ser. Hai que ir con calma".

Finalmente, cre que tanto Jaime como Pablo Martínez "merecen despedirse con #ANOSAFORZA. É certo que o partido chegaba con moitas cousas fóra do céspede para o partido que era. Cando vén un rival como o Elche CF que se xoga o ascenso houbo demasiadas cousas durante a semana, normal, pero para os adestradores sempre son excesivas. Pero é normal. Hoxe era máis importante que o Dépor como Club, como entidade, despedise ben a dous futbolistas que foron referente. E así se fixo".