RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz móstrase moi contento e moi orgulloso polo meu equipo, polos meus xogadores

Óscar Gilsanz mostrouse hoxe venres na sala de prensa "moi contento e moi orgulloso polo meu equipo, polos meus xogadores, polos xogadores que desde o inicio deron un paso importante incluso axudando ao primeiro equipo e até chegaron para quedar. Iso dá paso a outros xogadores que, froito do seu traballo e da súa constancia, tamén fan que o equipo compita contra todos os rivais".

Así, subliña que "excepto o día do Ourense CF na segunda volta non perdemos ningún partido por máis dun gol; e na primeira contra o Pontevedra CF e o Rayo Cantabria. Os demais son partidos con moi pouca diferenza no rendemento do equipo con respecto ao rival. En moitos casos, como todo o mundo, crees que mereces máis e noutros o resultado dáche máis cousas que a diferenza do partido".

O adestrador fabrilista está pois "moi contento sobre todo coa mellora do equipo e coa maior capacidade para competir cada día".

Opina que "eses erros evitables que o equipo tivo nesta competición e cos que estamos a mellorar cada día, semana a semana cos xogadores van dar un resultado máis a longo prazo que a competición esta temporada. Dáche un pouco de rabia porque o equipo podía ter algúns puntos máis que lle permitisen ter máis confianza para facer cousas".

Preguntado polo duro calendario que resta, afirma que "isto xa é fútbol de verdade e para o noso proceso formativo é moi positivo. Que ten de negativo? Estamos nunha competición na que cremos que é moi importante seguir crecendo nestes contextos e estes contextos son seguir en Segunda RFEF. Entón os puntos son importantes. Até agora, o equipo non estivo en postos de descenso pero si en play out e si competiu nesa circunstancia. Para os xogadores está a ser unha aprendizaxe boa e iso co obxectivo de que cheguen o máis preparados posible a un escenario esixente como é ABANCA-RIAZOR ou o primeiro equipo".

Finalmente sobre o CD Guijuelo, rival este domingo 14 de abril ás 17:00 horas en Abegondo (Youtube RC Deportivo), Óscar Gilsanz resalta que "é un equipo que agora mesmo é o 4º equipo da liga pola súa posición e polo seu rendemento. Na súa casa é moi forte desde hai moitos anos e esta temporada fóra tamén é moi fiable. Ten bos futbolistas, unha liña defensiva contundente e con experiencia suficiente para manexarse en partidos con moitos duelos. Sobre todo moi bo pé por dentro, con xogadores con moita capacidade para asociarse, para o xogo combinativo. E dúas puntas que se complementan moi ben como Juan Antonio e Pana que lle dan unhas características de equipo moi complicado. Se vas buscalos moi arriba pódenche xogar cos futbolistas da súa parcela máis ofensiva e se lles permites ter o balón teñen capacidade por dentro para xogar, con extremos de moita calidade cando se meten por dentro. Debemos dar nosa mellor versión para facer fronte a un dos mellores equipos da categoría".