RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz: "O equipo baleirouse dentro do campo e pouco pódeselle reprochar"

Óscar Gilsanz pediu na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR "valorar o esforzo. Un punto pode parecer pouco pero o equipo baleirouse dentro do campo e pouco pódeselle reprochar".

O técnico deportivista confesa que "ao chegar ao vestiario o equipo estaba amolado por non sumar 3 puntos pero tiña unha sensación de baleirarse dentro do campo, de deixar todo o que teñen".

Insiste en que "o equipo ten que estar preparado para todo o que pase. Hoxe vén o FC Cartagena, cunha serie negativa, e no minuto 5 quedas cun menos. Iso afecta ao que pasa no resto do partido. O equipo repúxose remontando ese gol en contra en 2 ocasións e estivo preto de facer o 3-2 preto do final que sería un premio grande e merecido ao esforzo".

Admite que "o número de puntos que levamos en ABANCA-RIAZOR non é moito" pero apunta que "no vestiario non podo máis que felicitar polo esforzo que fixo e por ser capaz de en esta Segunda División xogar 90 minutos cun xogador menos, que se nota moito. Hai un déficit de moitos metros percorridos polo xogador que non está".

Reitera que o Dépor "merece unha felicitación porque se baleirou no campo e así o premiou #ANOSAFORZA creando un ambiente para a remontada que ao final non se produciu".

Óscar Gilsanz lembra que "sumamos 1 punto aínda que queriamos os 3 nun partido que para a xente poida parecer propicio pola xeira do FC Cartagena pero en fútbol non hai partidos propicios porque que se tuercen en 5 minutos e hai que remar moito. E cando remas moito, e ben, e non es capaz de gañar polo motivo que sexa, hai que valorar o esforzo".

Finalmente, o preparador branquiazul explica que á hora de facer os cambios "hai que ter en conta que pola evolución do partido pode ser que se necesite unha cousa ou outra. E cando un equipo xoga con 10 sempre tes que deixar unha xanela polo si ou polo non algún xogador ten algún problema físico".

E viu ao Dépor nos minutos finais "enteiro porque chegamos ao final mellor que o rival estando eles con 1 xogador máis".