Óscar Gilsanz non continuará vinculado ao RC Deportivo a próxima temporada após rexeitar a proposta do Club para asumir unha nova responsabilidade como Coordinador da Escola de Adestradores e Proxectos Formativos Externos.
O Club expuxera esta nova etapa profesional como unha forma de seguir contando co seu coñecemento, experiencia e compromiso dentro da estrutura do fútbol formativo. Con todo, Óscar decidiu iniciar unha nova etapa profesional fóra do club para continuar desenvolvendo a súa carreira como adestrador.
Desde o RC Deportivo queremos agradecerlle profundamente a súa dedicación, profesionalidade e entrega durante todos estes anos. O seu traballo foi clave para o crecemento dos nosos equipos de canteira e para afrontar, en momentos decisivos, a responsabilidade do primeiro equipo.
O RC Deportivo deséxalle a maior das sortes nos seus próximos desafíos profesionais e persoais. Esta sempre será a súa casa.