RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

"Para os partidos que quedan estamos nunha boa posición", pensa no alto Ximo Navarro

Ximo Navarro pasouse pola sala de prensa do Dépor Training Center. 

Ve ao equipo "ben. Desde que empezou a liga estivemos en postos de arriba da clasificación. Mantivemos unha regularidade boa. Tivemos unha xeira moi boa de vitorias. Logo si tivemos unha fochanca. Son fochancas que moitos equipos teñen. Está todo moi apertado en canto a puntos. Hai moi poucas diferenzas. É un camiño longo, aínda quedan moitos partidos e o máis forte é o que conseguirá os obxectivos. Estamos capacitados para iso".

Cre que "é normal que despois de estar no máis alto todo o mundo quérese manter aí pero é moi difícil manterse toda unha temporada en Segunda División no máis alto. Os equipos pasan por todo tipo de xeiras".

Subliña que "para os partidos que quedan estamos nunha boa posición. Esta fin de semana (o domingo 15 de febreiro ás 21:00) temos unha boa oportunidade de pasar ao CD Castellón. Iremos aproveitala".

Cualifica de "moi boa" a temporada do Dépor: "Houbo momentos moi bos de fútbol. Obviamente hai partidos nos que vas sufrir. A xente xogando en ABANCA-RIAZOR quere que gañes por goleada ao Albacete pero é moi difícil".

Ximo Navarro advirte que "os finais de partido témolos que xogar mellor, que non nos metan tanto na nosa área porque tivo (o Albacete Balompié) un par de ocasións para empatarnos pero pásalle a moitos equipos. Ninguén gaña sobrado quitando o CD Castellón, que está nun bo momento. Todo está moi igualado. Hai equipos grandes que perden partidos na súa casa contra equipos de abaixo".

Vaticina que "de aquí a final de liga vai variar moito a cousa pero confío en que imos estar arriba".

O defensor deportivista admitiu que acaba de superar unha lesión "bastante complicada. Cando empecei a recuperación atopábame moi ben adestrando no campo con Nando (Rodríguez, readaptador do primeiro cadro). Ao volver de Nadal houbo semanas nas que non me sentía ben do todo. Realmente era máis cousa mental cando empezas a pensar no medo á hora de facer carreiras longas. Sentes que che molesta a zona e tampouco é así porque fixen varias resonancias e o tendón víase moi ben. Cando me atopei ben mentalmente, que completei 2 semanas limpas, foi cando decidín dar o paso para volver co equipo".

Preguntado pola competencia, afirma que "sempre a tiven. En cada mercado de fichaxes desde que estou aquí non cambiou nada. Estou afeito. Esperarei a oportunidade cando ma dean".

Finalmente lembrou ademais que "en Almería xoguei moito de central en Segunda División. En Holanda xogaba de central. En Las Palmas xoguei unha temporada enteira de central. En Vitoria xogaba máis de lateral pero tiven momentos nos que xoguei perfectamente aí. Aquí é onde menos o fixen pero se un día falta alguén ou teño que xogar aí fareino encantado".