RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOSJul 19, 2023

Paris Adot, na súa presentación: É un orgullo poder defender este escudo e esta camiseta

Paris Adot (Pamplona, Navarra, 26 de febreiro de 1990) foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor para as dúas próximas temporadas.

Após pousar para os medios gráficos no campo principal de Abegondo acompañado polo Director Deportivo Fernando Soriano, o novo carrileiro deportivista ofreceu a súa primeira rolda de prensa como xogador branquiazul.

De Paris Adot, Fernando Soriano subliñou a súa "dilatada traxectoria nos últimos 4 anos en Segunda División: AD Alcorcón, SD Ponferradina e CD Mirandés; e anteriormente en Primeira RFEF, antiga Segunda B: Izarra, Tudelano, Sabadell, Murcia..." 

Apuntou que "é unha das fichaxes que me fixo moita ilusión. Era un xogador no que en varios momentos da miña traxectoria estiven detrás del. Nunca se puido dar".

Valorou "as súas ganas de vir ao Deportivo. No momento que entrei a formar parte do Club e ter que realizar a tarefa das fichaxes foi o máis rápido e o máis sinxelo. Cando a Paris se lle falou do Dépor, non quixo esperar nada máis. Decidiu xogar neste Club e iso hónralle".

Pola súa banda, Paris Adot confesou que "estaba a buscar un proxecto como este, ilusionante. Non tiven dúbidas. Para min é un orgullo poder defender este escudo e esta camiseta. Non tiven ningún tipo de dúbidas en vir a un club e a unha cidade como estas. Estou moi contento e con ganas de empezar".

Admite que "non é moi habitual que un Club como o Deportivo estea a súa cuarta temporada na terceira categoría". No entanto, móstrase "encantado de poder formar parte deste proxecto, de devolver ao Deportivo onde se merece".

Vaticina unha temporada "moi boa e moi ilusionante e por iso en parte quixen vir aquí, para sumar, para achegar o meu gran de area a esta temporada e a este reto".

O novo lateral dereito asume que o Dépor leva "moita responsabilidade pero a min paréceme unha parte tamén bonita, que a ti che axuda a mellorar, a ser máis profesional, a ser máis ambicioso. É verdade que é unha parte un pouco máis incómoda pero sabendo levala e utilizándoa ao teu favor, tamén pode ser boa para ti e para o Club".

Cualificou de "incrible" o recibimento en Abegondo "tanto dos empregados; compañeiros; Dirección Deportiva; o míster, que estiven a falar onte con el... A xente colleume dunha forma espectacular. Estou moi agradecido por iso porque vés a un sitio novo no que tampouco coñeces a moita xente. Ao único que coñecía, de coincidir con el, era Kuki Zalazar. Estou encantado.  O recibimento foi para min, polo menos unha cousa que é moi importante nada máis chegar, marabilloso".

Do Dépor, recalca que "é un un equipo histórico, dos mellores clubs de España. Aquí sabédelo dabondo entón. Aquí ofrecéronme un reto e un proxecto ilusionante, que era un pouco o que eu estaba a buscar. Obviamente que haxa moito interese en ti tamén inflúe. Para min é un orgullo poder defender este escudo. Tanto o proxecto como vir a un Club como o Deportivo fíxome tomar a decisión rápido por riba doutras cousas".

Opina sobre o grupo en Primera Federación que "era o que todo o mundo quería. A priori quitáronse a equipos potentes, pero a maioría de anos estiven competindo no norte e eu, como no norte, non vin aos equipos competir en ningún lado. Sempre se dixo que no sur hai mellores equipos, pero no norte eu creo que se compite moito mellor. Vai ser un ano moi complicado", conclúe.

Con respecto ao cadro, afirma que "estamos a facer un moi bo equipo, cunhas fichaxes con moita experiencia e de moito nivel. Con traballo e ambición imos estar até o final pelexando". "Son xogadores de moito nivel, traballadores e que veñen a un proxecto moi ambicioso e moi ilusionante. A xente vai estar con moitísimas ganas e nese sentido estou moi contento co equipo que estamos a facer", engadiu.

O defensor branquiazul indica que "o Club non me marcou ningún tipo de obxectivo. Nunca me pasou de chegar a un sitio e que me digan 'tes que quedar o décimo, o segundo... Iso marcámonolo un pouco individualmente pero a longo prazo nunca marquei obxectivos. A min o que me esixiron é vir aquí todos os días a dar o 100% adestrando, axudar aos meus compañeiros, sumar todo o que poida, nunca restar; e a partir de aí traballo, compromiso, ambición e con iso saen as cousas. Hai que devolver ao Deportivo onde se merece pero aos poucos, con traballo, día a día. Iso é o que temos que facer".

Nesta liña, Paris Adot promete "compromiso, sacrificio, esforzo, que iso sempre para min foi innegociable".