RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Paris Adot: Unha debilidade é gañando dun non pechar ese resultado con ocasións como as que estamos a ter

Consumido un terzo da competición no grupo 1º de Primera Federación, Paris Adot fixo balance esta mañá na sala de prensa de Abegondo: "Partidos malos tivemos poucos, malos de dicir que fixemos as cousas mal. Neste inicio de liga faltounos acerto. Houbo moitos partidos ao principio, sobre todo os de ABANCA-RIAZOR, que nos deixamos puntos porque fixemos bos partidos, fixemos as cousas ben e faltounos un pouco de acerto".

Apunta que esa falta de puntaría "non é o único problema. En defensa tamén cometemos erros, houbo partidos que non dominamos o centro do campo... Hai de todo. Nun partido cométense moitos erros e simplemente deuse unha circunstancia de que houbo moitos partidos gañando dun gol no que tivemos ocasións claras para meter o segundo, pechar un pouco máis o partido e ao final acabamos empatando. Unha debilidade que estamos a ter agora mesmo é gañando dun non pechar ese resultado con ocasións como as que estamos a ter. É un aspecto que estamos a tentar mellorar, como hai outros moitos".

Opina que nesta fase da temporada "estamos a botar de menos eses puntos. Pero o resto fixemos bos partidos. Sen ir máis lonxe contra a SD Tarazona facemos un partido correcto, un bo partido, témolo controlado, non facemos o 0-2 e ao final é o de sempre, o rival tamén xoga e tamén cometemos pequenos erros".

O lateral branquiazul insiste en que "o balance en canto a resultados non é positivo, obviamente. Pero non creo que fixésemos tan malos partidos como para ir na posición na que estamos. Entón estamos centrados en estar máis acertados. No balón parado, tanto en contra como a favor, estamos fortes; no xogo tamén e faltounos nalgúns partidos un pouquiño máis de acerto para ter máis puntos".

Por conseguinte, admite que "é unha situación na que non estamos cómodos porque non estamos onde queremos estar, pero para iso está o traballo, o día a día, o corpo técnico, o cadro, para traballar e darlle a volta a esta situación".

Asegura que "confiamos no traballo que estamos a facer e hai que confirmalo esta fin de semana outra vez en ABANCA-RIAZOR para ter a terceira consecutiva en casa".

Confesou que mira de esguello a clasificación pero "non é algo que me obsesione agora mesmo. De feito, non creo que nos veña ben tampouco. Témonos que centrar no día a día, no traballo que facemos porque é o que nos vai a levar a escalar na clasificación".

Nesta liña, afirma que "obcecarte e centrarte demasiado nesas cousas non creo que sexa positivo. É importante porque os puntos é o máis importante de todo, pero na época na que estamos non creo que sexa determinante e témonos que centrar no traballo, en tentar sacar os 3 puntos cada partido e o seguinte é esta fin de semana contra Osasuna B", concretamente o domingo 26 de novembro ás 20:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV).

Finalmente, preguntado polo regreso de Yeremay aos adestramentos co grupo, Paris Adot desvela que "el tamén ten moitas ganas. Nós estámolo esperando como auga de maio. É un xogador que xa demostrou no inicio de temporada o determinante que pode ser. É o xogador máis desequilibrante que temos e hai que ter tamén paciencia porque vén dunha lesión moi longa, estará falto de ritmo. Nós temos moitas ganas de que reapareza pero hai que ir aos poucos e que el se vaia atopando cómodo".