Deportivo e Real Racing Club protagonizan este domingo 25 de xaneiro ás 21:00 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) un dos clásicos do norte na zona alta de LaLiga Hypermotion; e un partido "grande, atractivo" tal e como o definiu en rolda de prensa Antonio Hidalgo.
Tanto deportivistas como racinguistas son actualmente os dous equipos con maior produción goleadora en xogo dinámico da competición.
O Real Racing Club lidera este apartado cunha media de 1,55 goles por partido, seguido polo Deportivo, que rexistra 1,27 goles por encontro en accións de xogo dinámico.
Esta mesma semana, LaLiga Hypermotion incluíu a 2 futbolistas de cada equipo (Yeremay e Mario Soriano nos branquiazuis e Íñigo Vicente e Jorge Salinas nos cántabros) no once ideal da pasada xornada.
Co triunfo en Almería, Os Nosos preséntanse en ABANCA-RIAZOR en 4ª posición da táboa con 37 puntos.
Antonio Hidalgo dirixiu esta mañá no Dépor Training Center a última sesión de traballo, cunha activación, partidos en espazo reducido, unha tarefa de finalizacións e un repaso ás accións de estratexia.
Noé foi o representante de ANOSACANTEIRA.
É baixa Arnau Comas, sancionado cun partido de suspensión por acumulación de amoestacións.
O adestrador branquiazul cre que "o máis importante dun cadro é que todo o mundo vexa a posibilidade de participar. Canto máis xogadores teñas enganchados mellor poden render. Veremos o substituto de Arnau, que fixo un gran partido en Almería".
Pola súa banda, o Real Racing Club é líder da categoría con 41 puntos e ademais o equipo lidera a clasificación en puntos por partido lonxe do seu estadio: 18 puntos en 10 partidos.
No partido da primeira volta disputado en El Sardinero o 19 de novembro gañaron os cántabros por 2-1.
O preparador deportivista fala dun calendario "demasiado caprichoso. Normalmente este tipo de partidos prodúcense a final de temporada" e recalca que "pase o que pase vai quedar moitísimo por diante. Pero é un rival directo, que tes que competirlle, igualar esa intensidade".
Lonxe de Santander este ano o conxunto que prepara Jose Alberto gañou ao Albacete Balompié (2-3), UD Almería (2-3), CD Mirandés (1-3), Burgos CF (0-2) e Cádiz CF (2-3); empatou co Córdoba CF (2-2), SD Huesca (1-1) e Real Valladolid (1-1); e perdeu co Sporting de Gijón (2-1) e UD Las Palmas (3-1).
"Os seus números din que son o mellor equipo até o momento. Veñen cunha idea marcada desde hai tempo co seu adestrador", apuntou Antonio Hidalgo.
Neste mercado de inverno, o Real Racing Club acaba de formalizar esta semana a incorporación do porteiro sueco Simon Eriksson; que se une a Manex Lozano, un dianteiro procedente do Baskonia; e ao ariete xeorxiano Giorgi Guliashvili, do FK Sarajevo.
Jose Alberto apuntou en rolda de prensa que "este ano non somos un equipo de ida e volta. Tentamos dominar os partidos, ter posesión, xogar en campo contrario, atacar... O rock & roll benvido sexa se nalgún momento podemos executalo".
Do Dépor afirmou que "está a facer unha gran aposta para esta temporada. É un equipo con capacidade de dominar e chegan en bo momento após partidos con rivais directos".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 26 de xaneiro ás 10:30 no Dépor Training Center.
